Medio Rural solicita que a normativa europea que regula o mercado do leite contemple mecanismos de intervención para garantir rendas dignas aos produtores lácteos

 O director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López, presentará a posición do Goberno galego na xuntanza convocada polo Ministerio do Medio Rural para analizar o sector lácteo a nivel estatal, e solicitará o establecemento de medidas de intervención que mitiguen a actual situación de inestabilidade.

 Medio Rural destaca que desde o Goberno galego xa se teñen impulsado medidas concretas para paliar esta situación, como son a posibilidade do refinanciamento de préstamos a produtores, a mediación para evitar o abandono da recollida, ou a inclusión nas ordes de axudas dunha discriminación positiva para as industrias lácteas que poñan en marcha mecanismos que incentiven a estabilidade do sector.

Santiago de Compostela, 15 Novembro 08.- O director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López, fixo pública esta mañá a posición do Goberno galego ante a xuntanza convocada, a instancias das Comunidades Autónomas, polo Ministerio do Medio Rural para analizar a situación do sector lácteo a nivel estatal. Segundo explicou o director xeral, Galiza solicitará que o Estado español actúe nos ámbitos da súa competencia para establecer medidas de intervención que mitiguen a actual situación de inestabilidade de prezos e entregas de leite que están a sufrir os produtores lácteos.

Edelmiro López sinalou que estas medidas deben garantir a recollida de leite, habida conta que non é comprensible que nun Estado deficitario á hora de cubrir a súa cota estea a sufrir, en todo o territorio español, situacións nas que as industrias lácteas non aseguran a recollida do leite no futuro inmediato. O director xeral afirmou que tamén demandará que estes mecanismos de intervención sirvan para evitar que o prezo do leite e dos produtos lácteos foráneos produzan distorsións á baixa no prezo pagado aos produtores do Estado. Lembrou, así mesmo, que sendo o leite un produto de primeira necesidade, desde a Consellaría do Medio Rural se instará tanto ao Goberno central como ás institucións europeas competentes para que se manteñan os actuais instrumentos de intervención e se poñan en marcha outros novos que permitan estabilidade co obxectivo de garantir rendas dignas para os produtores, e lembrou que existen medidas de intervención previstas na propia OCM que poden adoptadas a nivel europeo. Na xuntanza do vindeiro luns, Edelmiro López tamén reclamará que o Ministerio inicie xestións coa distribución para evitar actuacións que tiren abaixo os prezos e que, atendendo ás súas competencias en materia de comercio, exerza un control sobre as marxes comerciais do leite para asegurar un reparto xusto entre os diferentes axentes da cadea.

Na posición da Consellaría do Medio Rural, Edelmiro López deixou patente, unha vez máis, a oposición á anunciada desaparición de fórmulas de continxentación á produción e a decisións como o incremento lineal de cota para todos os Estados membros, por considerar que este tipo de decisións son algunhas das causas da actual situación desfavorable que está a padecer o produtor. Neste sentido, o director xeral lembrou que desde o Goberno galego xa se teñen impulsado medidas concretas para mitigar esta situación, como son a posibilidade do refinanciamento de préstamos a produtores, a mediación para evitar o abandono da recollida, a mediación para que as industrias trasladen ao prezo dos concentrados a baixa das materias primas, ou a inclusión nas ordes de axudas dunha discriminación positiva para aquelas industrias lácteas que aposten e poñan en marcha mecanismos que incentiven a estabilidade do sector, como son os Contratos Homologados. Tamén destacou especialmente a consecución de dúas medidas a nivel de Estado por parte de Medio Rural, o incremento das axudas da PAC e a flexibilización do sistema de retencións do réxime da taxa láctea.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]