Quintana coloca a Lei de Caixas, a creación do organismo galego de crédito oficial e a alianza entre axentes públicos e privados como alicerces para unha nova economía

Fixo entrega ao presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, do premio Grelo de Ouro que concede a Asociación Amigos de Galicia
Salientou a importancia das Caixas galegas e do modelo que achegan para a economía e o desenvolvemento do país
Insistiu en que propostas como a da Lei de Caixas e o Instituto de crédito oficial pretenden “sumar e mellorar”
Defendeu o aumento dos salarios dos traballadores galegos como clave para revitalizar o consumo e saír da crise

Santiago de Compostela, 15 Novembro 08.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, entregoulle hoxe ao presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso o Premio Grelo de Ouro que concede a Asociación "migos de Galicia". Quintana considerou especialmente significativo que neste momento se distinga de xeito expreso unha figura da economía e das finanzas como exemplo público do compromiso con Galicia. Salientou a elección do galardoado como “unha declaración de intencións que subliña o valor estratéxico que para Galiza ten o sector financeiro e, sobre todo, que pon en primeiro plano a importancia das Caixas Galegas, e nomedadamente de Caixanova, no apoio á economía produtiva, a sectores estratéxicos da economía do país como poden ser o naval ou o pesqueiro, e que tiveron estes anos o acompañemento exemplar no modelo de financiamento que implantou Caixanova”. “A elección deste ano está á altura do que queremos ser como país”, dixo, e engadiu que na traxectoria profesional de Julio Fernández Gayoso “están moitos dos valores que Galiza precisa para saírmos reforzados da crise: traballo, constancia, vontade de superación, espírito innovador e compromiso co país”.

Quintana recalcou que “as novas propostas que tentamos implementar como a Lei de Caixas ou o Instituto de crédito oficial son propostas para sumar e mellorar non para dividir”. Dixo que “estas propostas non tentan ser nunca unha enmenda á totalidade a ninguén e creo que sería moi bo que tivesemos na próxima lexislatura unha Lei de Caixas que recollera o mellor da traxectoria financeira das Caixas galegas para, coordinadamente coa acción de goberno, nos marcamos unificadamente o obxectivo de apoiar a economía produtiva, aos que traballan duro neste país”.

Quintana dixo que o Instituto de Crédito ten que servir para duplicar e reforzar accións como as que as Caixas Galegas realizanAsí mesmo, volveu insistir en que o Insituto de crédito ten que servir para duplicar e reforzar accións como as que as Caixas galegas realizan a través das súas entidades de capital risco. “É momento para sumar esforzos, para apostar pola innovación e apostar por Galiza”, afirmou, e explicou que “a crise só vai ser superable se somos capaces de implantar entre todos un novo modelo, xa que non valen as receitas do pasado”. Quintana indicou que ese novo modelo ten que estar sustentado en dúas bases. Primeira, no apoio á economía produtiva, e segundo, na revitalización do consumo. Ao respecto, dixo que non hai forma de revitalizar o consumo que non pase pola mellora do poder adquisitivo dos cidadáns mediante o incremento salarial. “É unha quimera absurda pensar que o consumo se vai revitalizar en base a novas propostas de endebedamento das familias. Hai que aumentar o poder adquisitivo para que haxa un consumo sustentable e que perdure. Hai que facelo en base ao apoio á economía produtiva e o apoio ás fórmulas de innovación da empresa galega, porque a empresa galega vai ser competitiva no mundo se somos capaces de crear sinerxias entre goberno e empresas; pola contra a empresa galega non vai ser máis competitiva no mundo por ter salarios máis baixos ca outras. Esa é a nosa estratexia para a que imos contar coa colaboración das Caixas de aforro galegas”, concluíu.

Modelo económico con rostro e con raíces

O vicepresidente galego sinalou que, nun tempo de crise que cuestiona o funcionamento desregularizado dos mercados financeiros, no que se escoita falar de activos tóxicos, pánico nas bolsas ou hipotecas lixo, “é especialmente saudable que dirixamos a mirada cara ao modelo que propoñen as Caixas, como o modelo de negocio economicamente viable e socialmente responsable”. Trátase, segundo dixo, “dun modelo enraizado no territorio para seguir expandindo actividades, recursos e oportunidades; dun modelo para dinamizar proxectos empresariais de orixe e marca galega, achegando apoio financeiro, formación e acompañamento”. “Este é o tipo de propostas que Galiza necesita para darlle a volta a unha situación complicada como a actual: propostas articuladas en positivo, comprometidas co tecido empresarial galego, coas estruturas da economía produtiva, que operan sobre os fundamentos da economía real, que son quen de impulsar a economía con rostro e con raíces, para as persoas e para un país”, apostilou.

Alianzas público-privadas

"É o momento de sermos imaxinativos e reinventar xuntos novas solucións"Para Quintana, enfrontar esta crise “incide de xeito directo na necesidade de seguir afondando no modelo suxerido polas Caixas”. En primeiro lugar, formulando novas alternativas en Galiza que articulen “unha alianza renovada entre o sistema financeiro, os poderes públicos, o tecido produtivo e o conxunto da sociedade”, para evitar a volatilidade e a vulnerabilidade que supón operar globalmente sen identidade, lonxe do territorio e a moita distancia da vida cotiá das persoas. Falou tamén de xerar novas alternativas para “intensificar aínda máis os lazos entre o sector financeiro e os resortes da economía produtiva”, para que detrás de cada idea ou proxecto viable haxa un impulso activo de financiamento suficiente. E, por último, tamén novas alternativas para “achegar espazos estables de concertación entre os entes financeiros e os poderes públicos”, como clave para construír mercado dende unha perspectiva social, espazos onde goberno e entidades financeiras traballen con esforzos converxentes, cunhas regras de xogo compartidas e unha clara dirección de país.

“Hai marxe para podérmonos construír estas alternativas”, recalcou Quintana, e por iso apostou por concretar este impulso innovador por varios camiños. En primeiro lugar facendo posible unha nova Lei de Caixas que permita reforzar as dinámicas de coordinación entre o Goberno e as entidades financeiras, para dinamizar estratexias de financiamento ao servizo da economía do traballo. En segundo lugar, creando un organismo galego de crédito oficial, como un portelo único que unifique e cualifique todos os instrumentos de acompañamento empresarial da Xunta de Galicia e que, ao mesmo tempo, permita dar participación ás entidades de capital risco das Caixas de aforro. “Un instrumento para gañar en operatividade, superando a actual atomización e os solapamentos na acción”, explicou.

O vicepresidente afirmou que, ante esta crise, as vellas solucións xa non valen: “É o momento de sermos imaxinativos e reinventar xuntos novas solucións, a través dunha nova forma de facer política, a baseada nas alianzas e na xeración de espazos compartidos entre os axentes públicos e os privados”. Neste camiño, asegurou que o Goberno galego está a realizar un importante esforzo por alimentar a lóxica das complicidades público-privadas “nun proxecto transformador de fondo calado para dar paso a un novo modelo económico, tratando de implicar ás empresas e ao conxunto de institucións no despregue dun catálogo de políticas activas dirixidas a potenciar as nosas capacidades, con base na economía produtiva e nos dispositivos do benestar”.

Galeguismo de acción

A proposta do vicepresidente e da Xunta pasa por impulsar esquemas de cooperación, colaboración e diálogo, que se traduzan na achega de recursos e liñas de financiamento, actuando, dende os diferentes niveis de responsabilidade, institucionais e empresariais, como unha gran Caixa común, en interese de Galiza, do seu desenvolvemento sostible, do seu afortalamento democrático e da súa cohesión social. “Un auténtico galeguismo de acción, en beneficio da xente”, afirmou.

Quintana reiterou que o tempo de crise pode ser tamén o tempo de novas oportunidades, e asegurou que contar con capacidades de autogoberno supón unha fortaleza para Galiza. “Reforzar estas capacidades representa unha oportunidade, a oportunidade estratéxica para seguir impulsando políticas propias que sexan quen de coordinar a economía, facendo unha economía en liña e non distante dos intereses das maiorías sociais”. “Supón unha nova idea da Galiza que xa non espera, que se anticipa, que actúa; con voz e con criterio, con confianza no futuro, facendo valer o que con xuízo indicara Castelao: a enerxía colectiva nunca perece”, concluíu.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]