Quintana afirma que proxectos como as vivendas interxeracionais sitúan a Galiza na vangarda da innovación en vivenda social

Táboas e Quintana visitan as obras

O vicepresidente da Xunta e a conselleira de Vivenda visitaron hoxe en Ferrol as obras do primeiro edificio interxeracional de Galiza
Para Quintana o Goberno galego ten que darlle solución ás necesidades dos colectivos de mozos e persoas maiores
Este novo formato residencial, xunto con outras iniciativas en materia de vivenda, sitúa a Galiza como líder no Estado na aposta pola innovación nas políticas de vivenda social

Ferrol, 18 Novembro 08.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, salientou hoxe a importancia que teñen as vivendas comunitarias para mozos e maiores como un proxecto co que optimizar recursos e emprender iniciativas conxuntas que xeren economías de alcance, coas que así facer fronte ao actual contexto de crise económica. Para Quintana é preciso crear na actualidade proxectos que integren nunha mesma solución respostas a múltiples demandas.

O vicepresidente do Goberno galego fixo estas declaracións no decurso dunha visita xunto coa conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, ás obras do primeiro edificio interxeracional que se constrúe en Galiza, situado no lugar de Esteiro, en Ferrol. Na visita tamén estivo presente o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri.

O edificio interxeracional que se está a construír en Ferrol é o primeiro proxecto deste tipo que se puxo en marcha en GalizaSegundo explicou Anxo Quintana, este tipo de vivendas comunitarias nacen froito da unión de forzas entre a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería de Vivenda e procuran un dobre obxectivo: por unha banda melloran o benestar e a calidade de vida das persoas maiores, evitando o seu illamento e favorecendo a permanencia en contornos normalizados; e por outro lado, resolven as dificultades de acceso a unha primeira vivenda por parte da xuventude. Para Quintana estes proxectos nacen porque “é o momento para a política social” e afirmou que como Goberno “estamos obrigados a poñer en marcha políticas para protexer aos que máis o precisan”, en referencia aos mozos e ás persoas maiores.

Vivendas en Esteiro

O edificio interxeracional que se está a construír no lugar ferrolá de Esteiro é o primeiro proxecto deste tipo que se puxo en marcha en Galiza e inaugura un novo concepto de vivenda pioneiro no país e no Estado. Trátase dunha fórmula de vivenda protexida en réxime de alugueiro destinada ás persoas maiores e aos mozos e mozas, ao tempo que dispón na planta baixa dun centro de día con 30 prazas, infraestrutura coa que se amplía o catálogo de recursos do Sistema Galego de Benestar. A través deste novo formato residencial a vivenda deixa de ser un recurso individualizado para converterse nun instrumento que constrúe rede social, ao tempo que se sitúa a Galiza como líder do Estado na aposta pola innovación nas políticas de vivenda social, xunto con outras iniciativas en materia de vivenda promovidas desde o Goberno galego.

“Este edificio resume boa parte da política que quere facer o Goberno galego: a necesidade de sumar esforzos e optimizar recursos”, salientou o vicepresidente da Xunta no decurso da visita. Así, afirmou que este proxecto xurdido da suma de esforzos entre a Vicepresidencia e a Consellería de Vivenda satisfai distintas necesidades que veñen dadas por datos como que o 11 por cento dos fogares galegos vive un maior solo, mentres que, por outra banda, case o 75 por cento dos mozos de entre 18 e 29 anos viven ou se ven obrigados a vivir cos seus pais. Ademais, os xóvenes que deciden emanciparse gastan ata un 72 por cento do seu salario no pago dunha hipoteca. “Estas son realidades sociais de Galiza ás que o Goberno está obrigado a darlle solución, darlle solución a dous colectivos tan importantes como son os mozos e os maiores”, afirmou.

Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo que ten presenza en diferentes puntos do paísO novo edificio, que estará rematado a finais de 2009, conta con baixo e tres andares e disporá de 43 apartamentos de unha e dúas habitacións que serán alugados a mozos e maiores a prezos asequibles. Trátase dun edificio vangardista e accesible para as persoas con mobilidade reducida, e foi deseñado con diferentes solucións na procura do aforro enerxético. No inmoble habilitaranse ademais zonas comúns para facilitar a sociabilidade e as relacións sociais entre os residentes. Na construción deste edificio, que ocupa máis de 1.400 metros cadrados de superficie, investiranse un total de 3,5 millóns de euros.

Esta actuación que se está a levar a cabo en Ferrol forma parte dun proxecto máis amplo que ten presenza en diferentes puntos do país. Así, están en marcha proxectos destas características en 8 concellos de toda Galiza, cun orzamento global de 20,6 millóns de euros, e que suporán a construción de 210 vivendas interxeracionais e un total de 240 prazas en centros de día. Nestes momentos xunto co de Ferrol xa están en execución outros tres proxectos destas características, mentres que os outros catro atópanse en fase de tramitación.

Plan Sectorial en Ferrol

Os edificios de vivendas interxeracionais inclúense dentro dunha política xeral de vivenda do Goberno galego coa que se pretende favorecer o acceso á vivenda a aqueles colectivos con menos recursos. Nesta liña enmárcase o Plan Sectorial Galego de Solo Residencial, unha iniciativa que permitirá calificar 8,7 millóns de metros cadrados ata 2017 para construír 46.000 vivendas protexidas. Concretamente na área funcional de Ferrol este plan suporá a actuación nunha superficie de máis de 560.000 metros cadrados para crear 3.200 vivendas protexidas, o que suporá un investimento global de case 80 millóns de euros. A meirande parte destas novas vivendas, un total de 1.624, situaranse na cidade de Ferrol, mentres que as outras se localizarán nos concellos de Fene, Mugardos, Narón e Neda.

Colaboración institucional

Tamén na súa intervención, o vicepresidente do Goberno galego defendeu a importancia de manter unha fonda colaboración institucional “para facer política social ao servizo dos cidadáns”, unha cooperación que entre a Vicepresidencia e o Concello de Ferrol se ten selado a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Neste punto, Quintana explicou que os compromisos adquiridos para a posta en marcha neste municipio de distintos equipamentos sociais estanse xa a cumprir. Así, lembrou que están en licitación os centros de día de Canido e Caranza, mentres que xa se comezaron as obras de construción da Galescola de Caranza. Estes equipamentos entrarán en funcionamento o vindeiro ano, ao igual que o edificio de vivendas comunitarias do Esteiro.

“Hai unha cuestión que en política os cidadáns sempre agradecen: que se fale claro e que se cumpran os compromisos”, subliñou Anxo Quintana, quen afirmou que “nós tivemos a virtude de falar claro no seu momento e hoxe temos a satisfacción de presentarnos aquí para dicir que cumprimos os nosos compromisos”.

delicious  technorati  twitter  facebook  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]