Sustentabilidade, eficiencia enerxética, tecnoloxía naval e dos produtos do mar son as prioridades da Plataforma Tecnolóxica da Pesca

 Tecnopeixe, a Plataforma Tecnolóxica da Pesca, nace co obxectivo de definir unha estratexia de I+D+i que contribúa a impulsar a competitividade do sector pesqueiro e marisqueiro galego, grazas á suma dos esforzos de todos os axentes implicados
 O conselleiro de Innovación e Industria, a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos e o presidente da Plataforma presentaron esta mañá a Axenda Estratéxica de Investigación do sector

Santiago de Compostela, 18 Novembro 08.- A Plataforma Tecnolóxica Tecnopeixe presentou esta mañá en Santiago de Compostela a súa Axenda Estratéxica de Investigación, o documento que define as prioridades no ámbito da I+D+i para o sector. Participaron no acto de presentación o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e o presidente da plataforma, José Ramón Fuentes Gamundi. A Axenda Estratéxica de Tecnopeixe establece catro prioridades de investigación arredor de catro problemáticas detectadas e definidas no documento Visión 2020: a sustentabilidade da actividade extractiva, a eficiencia enerxética, a tecnoloxía naval pesqueira e a tecnoloxía dos produtos da pesca e do marisqueo.

Dentro do primeiro ítem, o da sustentabilidade da actividade extractiva, a Axenda Estratéxica de Investigación indica a necesidade de compatibilizar a xeración de coñecemento co mantemento dos ecosistemas. Refírese tamén á importancia de mellorar a xestión e innovar na tecnoloxía e no deseño de artes e aparellos de pesca. A segunda problemática, da eficiencia enerxética, establece como temas prioritarios de investigación o estudo das medidas de aforro, de combustibles novos e alternativos e de novas formas de propulsión e xeración de enerxía.

Tecnopeixe traballará sobre a necesidade de perfeccionar a construción e a dotación dos buques a nivel de seguridade e condicións dos postos de traballoNo ámbito tecnolóxico, a Axenda Estratéxica de Tecnopeixe apunta á necesidade de perfeccionar a construción e a dotación dos buques a nivel de seguridade e condicións do posto de traballo, de deseño e hidrodinámica e de comunicacións e novas tecnoloxías. Estas innovacións deben ir unidas a novas técnicas de trazabilidade e etiquetado, á automatización de procesos de manipulación e transformación de peixes e mariscos e ao perfeccionamento e o uso de técnicas innovadoras de conservación e envasado así como aos novos procesos para a valorización de descartes.

Foro de encontro dun sector consolidado

Na súa intervención, o conselleiro de Innovación e Industria fixo fincapé en que a Axenda Estratéxica da plataforma é o instrumento máis acaído para manter a preeminencia do sector pesqueiro no tecido produtivo galego e estatal e situalo á cabeza, de igual maneira, en todo o relativo á I+D+i da pesca e o marisqueo. A axenda achegará, segundo Fernando Blanco, importantes novidades ao sector que o dotarán de maior competitividade, un sector que supón o 1,3% do PIB galego e o 40% do valor engadido bruto que xera a pesca no Estado. O conselleiro salientou ademais que a pesca galega achega o 6% do total das exportacións, que acadaron en 2007 os 955 millóns de euros (o 5% máis que o ano anterior) e que conta con 24.575 afiliados en alta laboral, o 4,4% do total de empregados no noso país.

A Consellaría de Innovación e Industria investiu desde 2006 un total de 348.065 euros en Tecnopeixe a través da convocatoria de Fomento da Investigación e da Innovación Empresarial, na que existe unha liña de axuda específica para a posta en marcha de plataformas tecnolóxicas. Fernando Blanco recordou que o pulo para a creación e consolidación das 17 Plataformas Tecnolóxicas que existe hoxe supuxo dende 2006 un investimento de 4,9 millóns de euros, e que os orzamentos da Consellaría para 2009 recollen 3,27 millóns, un 10% máis ca este ano. No caso de Tecnopeixe, a iniciativa está xa no terceiro ano da súa existencia, co que se atopa na segunda fase de consolidación.

Pola súa banda, a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, destacou que a aposta decidida pola investigación, polo desenvolvemento tecnolóxico e pola innovación, non só é un compromiso do Goberno galego, senón unha das principais fórmulas que os expertos coinciden en apuntar para acadar o necesario cambio de paradigma económico. Neste senso, engadiu que un factor de oportunidade co que conta o sector pesqueiro galego é que se atopa nunha contorna privilexiada se atendemos aos medios científicos e tecnolóxicos, técnicos e especialmente humanos que en Galiza se dedican ao estudo do mar, do medio mariño e dos seus recursos. Así, sinalou, no ámbito público, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, así como as tres universidades galegas, o CSIC e o Instituto Español de Oceanografía (IEO), que contan cunha capacidade que os profesionais do mar non debe deixar de aproveitar, buscando fórmulas e recursos para a colaboración en proxectos e para a transferencia de tecnoloxías.

Para o presidente de Tecnopeixe, José Ramón Fuertes, o documento presentado esta mañá supón “a materialización dunha importante fiestra de oportunidade para o sector pesqueiro e marisqueiro galego”. Considera que a Axenda Estratéxica será o “guión” que os próximos anos utilicen as empresas para o seu posicionamento estratéxico e sinala os obxectivos: garantir a competitividade do sector, a sostibilidade dos recursos, a calidade dos produtos e as óptimas condicións de traballo de todas as persoas implicadas.

Confrarías, empresas, universidades e administración

A misión de Tecnopeixe consiste na integración dos esforzos entre todos os axentes implicados no sector da pesca e do marisqueo en Galiza co obxectivo de consolidar e reforzar a posición de líder a través dunha estratexia baseada na xeración de coñecemento científico e no pulo á innovación empresarial. A Plataforma Tecnolóxica funciona como un foro de encontro onde se aportan ideas e iniciativas que se sumarán para consensuar recomendacións que sirvan para promover proxectos de investigación, apoiar infraestruturas científico-tecnolóxicas, unificar posicións no seo de foros nacionais e internacionais, propoñer estratexias a curto, medio e longo prazo e realizar propostas para os futuros plans galegos, estatais e europeos no tocante ao sector da pesca.

Tecnopeixe está liderada por Armadores de Vigo (ARVI), o Centro Tecnolóxico da Pesca de Celeiro (CETPEC) e a Federación Galega de Confrarías, que alternan rotatoriamente a presidencia e as dúas vicepresidencias. Pola súa banda, o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) ocupa a secretaría técnica. En total, a Plataforma conta con 146 membros entre empresas, confrarías, centros tecnolóxicos, grupos universitarios, administracións, e colexios profesionais.

Representando ao sector produtivo, Tecnopeixe agrupa a compañías que se dedican a diversos subsectores vencellados coa pesca: a pesca extractiva, o marisqueo, a transformación alimentaria ou a análise de calidade, pero tamén empresas de aplicacións e solucións tecnolóxicas, consultoras, asteleiros e compañías do sector da enxeñaría. En total, intégranse na plataforma 145 axentes. Ademais de 43 empresas, participan 29 asociacións empresariais, 31 confrarías, 10 centros tecnolóxicos e de investigación, 30 grupos de investigación e laboratorios das tres universidades galegas, a Consellaría de Innovación e Industria e o Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceanográficos.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]