Quintana defende una "economía con raíces que defenda os intereses da maioría social"

O acto tivo lugar no Hotel Araguaney

Santiago de Compostela, 18 Novembro 08. O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, e Socorro García, tenente alcalde de Santiago de Compostela, interviron no acto “Con máis autogoberno. Unha economía ao servizo da xente” sobre a crise económica que tivo lugar no Hotel Araguaney. O seu discurso tivo por eixe fundamental a crise económica e a alternativa dos nacionalistas galegos ao modelo neoliberal.

Quintana destacou a importancia de substituír as políticas neoliberais, “baseadas na negación do papel reitor do público na economía” por políticas baseadas no autogoberno. Nesa liña, destacou a importancia de contar canto antes cun novo Estatuto que “reforce o papel reitor que lle corresponde á Xunta de Galiza na definición e desenvolvemento dunha estratexia económica nacional”. Así, apostou por unha política económica “con raíces na terra, definida desde a atención ás demandas e ás necesidades da nosa xente, pensando nas maiorías sociais do país”.

Neste novo Estatuto, “Galiza debe facerse coas competencias sobre os portos para podermos desenvolver unha política portuaria integral e permitir a conexión da rede de portos co sistema viario e ferroviario”. “Asemade debe estender as súas potestades executivas sobre as aeroportos de interese xeral para intensificar a súa interconexión cos demais sistemas de comunicación e multiplicar as liñas internacionais directas”, sinalou Quintana, quen tamén reivindicou competencias exclusivas sobre o espazo radioeléctrico e sobre o dominio público marítimo-terrestre, entre outras cuestións.

Crise do modelo neoliberal e posición do nacionalismo

“Esta é a crise dun modelo de desenvolvemento asentado na deshumanización dos mercados e na mercantilización da vida"“Esta é a crise dun modelo de desenvolvemento asentado na deshumanización dos mercados e na mercantilización da vida, na creación de economías virtuais e deslocalizadas, especulativas e baseada na depredación dos recursos naturais e da dignidade das persoas sempre na procura do máximo lucro”, asegurou o portavoz nacional do BNG, quen sinalou que este modelo “non pode nin debe ser rescatado, senón ser substituído por unha economía xestionada desde o autogoberno, por unha economía social pensada para un crecemento sustentábel, o benestar e a igualdade”.

Quintana recordou que “as elites de Madrid, xa se chamasen conservadoras ou progresistas apoiaban sen fisuras o modelo” mais o nacionalismo galego “si o cuestionou desde un principio”. “Neste caso, poderíamos aplicar esa expresión tan galega como é a de Nós xa o dixeramos”, asegurou. Tamén recordou que “son xustamente as nacións que practicaron políticas máis autónomas, aquelas que menos acataron as directrices das políticas neoliberais, as que agora están en mellores condicións para afrontar a crise global que sacode as economías dos países desenvolvidos”.

“A xustiza social non é só unha bandeira ética, é unha necesidade imperiosa para a recuperación da economía”, apuntou, sinalando que “a demanda interna non se recuperará mentres o poder de compra dos salarios non aumente”.

Socorro García

A tenente alcalde de Santiago, a nacionalista Socorro García, comezou o seu discurso asegurando que “estamos hoxe aquí, neste momento de crise, para reforzar o compromiso do BNG cos traballadores e traballadoras galegas e coa defensa dos nosos sectores produtivos”.

Nesa liña, puxo en valor “o noso traballo dentro do goberno galego, que vén demostrando cada día que é o nacionalismo a opción política que mellor defende os intereses da clase traballadora e dos nosos sectores produtivos”.

Así mesmo, destacou a labor que o BNG de Santiago de Compostela está a facer no goberno municipal da capital galega, “traballando para aumentar o emprego en distintos sectores, como o turismo e o comercio; así como en diversificar o tecido produtivo de Compostela, o que é unha necesidade imperiosa”.

fresqui  delicious  digg  technorati  yahoo  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]