Quintana apela a educar nos valores da corresponsabilidade como clave para acadar un futuro de igualdade en Galiza
O vicepresidente da Xunta presentou hoxe en Santiago a campaña a prol dos dereitos da infancia na xornada en que se conmemora o 19 aniversario da ratificación da Convención dos Dereitos da Infancia
Este ano, como novidade, deseñouse o videoxogo Misión EOS, co que se anima aos máis pequenos a defender os valores da igualdade
Nenos e nenas de varios colexios cociñaron uns petiscos para aprender a importancia dos valores de igualdade na vida cotiá
Santiago de Compostela, 20 Novembro 08.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, salientou a importancia de educar hoxe aos nenos e nenas nos valores da corresponsabilidade como clave para sentar as bases da Galiza da igualdade do futuro. Para Quintana avanzar na corresponsabilidade é avanzar na igualdade, e lembrou que é preciso implicar á infancia, á adolescencia e á xuventude no traballo para acadar unha sociedade xusta e igualitaria.
O vicepresidente do Goberno galego fixo estas declaracións hoxe en Santiago na presentación da campaña a prol dos dereitos da infancia desenvolvida polo seu departamento. A presentación faise pública hoxe con motivo da celebración do Día Universal dos Nenos e Nenas, un día no que se conmemora que fai hoxe 19 anos a Asemblea Xeral das Nacións Unidas ratificaba a Convención dos Dereitos da Infancia. Precisamente neste senso, Anxo Quintana lembrou que esta convención recolle, entre outros, o dereito que teñen nenos e nenas a recibir unha educación encamiñada a fomentar o seu desenvolvemento e participación plena nunha sociedade baseada na igualdade de xéneros. “O dereito a medrar en igualdade é un dereito fundamental de nenos e nenas”, subliñou.
Na presentación destas actividades conmemorativas tamén participaron a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, e a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago. No acto tamén estiveron presentes nenos e nenas de varios colexios, que prepararon os petiscos durante a mañá como actividade ademais para aprender a importancia dos valores de igualdade na vida cotiá. Durante o acto, os cativos tamén estiveron lendo redaccións das que presentaron ao concurso organizado nesta campaña.
A estes nenos e nenas que hoxe participaron no acto, o vicepresidente recordoulles a importancia dos dereitos dos nenos. “Aquí todos tedes máis ou menos cubertos os dereitos dos nenos, pero é bo que todos lembremos que no mundo non todas as cousas son tan fáciles”. E por iso lembrou que é tan importante a educación en igualdade, “como os pinchos que cociñáchedes hoxe todos e todas, pois é bo que vós, que estades empezando a vida, o teñades máis asumido do que o tiñamos nós antes. Todo o que se fai nas catro paredes dunha casa corresponde a todos os que viven na casa, homes e mulleres. O que agardo é que a vosa xeración rache coa idea de que hai traballos pra homes e traballos para mulleres”, díxolles hoxe Quintana aos nenos e nenas.
Misión EOS
Este ano a campaña a prol dos dereitos da infancia emprendida desde a Vicepresidencia da Xunta inclúe, como principal novidade, un videoxogo. Misión EOS é un xogo ambientado no futuro no que os seus protagonistas terán como misión protexer e desenvolver os roles sociais igualitarios. Noa, Ton e Bebé, tres irmáns que viven no ano 2328, un mundo que destaca, entre outras características, por se igualitario e xusto. Pero precisamente no día no que se conmemora o logro da igualdade comezan a aparecer en distintos puntos da galaxia galega diversas personaxes grises que ameazan ese mundo acadado. Os protagonistas, coa axuda dun guía chamado Superobot, terán como misión devolver a igualdade e a corresponsabilidade ó seu universo.
Tal como explicou Quintana, o xogo ten un dobre obxectivo xa que, por unha banda, pretende visibilizar o traballo realizado polas mulleres, facilitar o seu recoñecemento social e rachar con estereotipos sexistas, educando ludicamente aos nenos e nenas na corresponsabilidade; e por outro lado aposta por incorporar a innovación e as novas tecnoloxías á educación para a igualdade grazas o seu carácter de produto multimedia interactivo. O xogo Misión EOS é un xogo creado no marco do Plan Estratéxico Galego da Infancia e da Adolescencia (PEGIA 2007-2010), da Secretaría Xeral do Benestar, como parte da campaña da Secretaría Xeral da Igualdade coa que se conmemora o 19 aniversario da ratificación da Convención dos Dereitos da Infancia.

