Suárez Canal destaca a vangarda de Galiza en programas de mellora gandeira

Na actualidade, Galiza conta co Programa Xenético máis puxante do Estado, como amosa o dato de que 21 dos 50 mellores touros do territorio español sexan do Programa de Mellora Gandeira de Galiza, que 7 das 20 primeiras vacas en produción por quilos de graxa e proteína sexan galegas, e que contemos co touro nº1 por valoracións xenéticas –touro Mario Xacobeo-, con probas efectuadas en case 100 fillas e 70 rabaños.

 Este avance na mellora xenética da cabana galega de vacún débese á aplicación de programas que constitúen un conxunto de accións para mellorar a rendibilidade das explotacións gandeiras a través do control da produción leiteira, da promoción do Libro Xenealóxico e da incorporación e produción de material xenético de élite para mellorar os rabaños, traballo que se realiza en estreita colaboración coas organizacións gandeiras.

 A Consellaría do Medio Rural presentou a campaña de información e difusión que porá en marcha para informar a todos os gandeiros galegos das posibilidades que ofrece o Programa de Mellora Gandeira, e que consta dunha serie de actos a nivel provincial para dar a coñecer os recursos en materia xenética producidos en Galiza.

Silleda, 20 Novembro 08.- “Os programas de mellora e selección do gando son imprescindibles para unha gandaría eficiente” destacou o conselleiro do Medio Rural durante a presentación da campaña de difusión de Mellora Gandeira, que realizou esta mañá no marco da Feira Internacional de Galiza. Suárez Canal sinalou que, a pesar de que o programa galego leva relativamente pouco tempo implantado comparado con países punteiros nesta materia -xa que algún deles levan máis dun século traballando neste eido-, a gandaría de leite galega comeza a destacar e é obxecto de atención por parte non só do mercado español, senón tamén do internacional.

Este avance na mellora xenética da cabana galega de vacún débese á aplicación de programas de mellora gandeira, que constitúen un conxunto de accións para mellorar a rendibilidade das explotacións gandeiras a través do control da produción leiteira, da promoción do Libro Xenealóxico e da incorporación e produción de material xenético de élite para mellorar os rabaños, traballo que se realiza en estreita colaboración coas organizacións gandeiras. Deste xeito implícase directamente ao sector para que os logros acadados revirtan a súa vez en beneficio do mesmo, non só economicamente, senón tamén nunha maior dignificación e profesionalización da actividade gandeira. Neste sentido, o conselleiro afirmou que “a mellora xenética non é só unha ferramenta para obter máis rendibilidade nas explotacións, senón que a maiores disto axuda a aumentar a autoestima dos gandeiros, xa que seleccionar bos animais e un dos retos de moitos profesionais do sector, que desta forma conseguen prestixiar a súa gandaría”.

A Consellaría do Medio Rural presentou, no marco da Semana Internacional de Galiza, a campaña de información e difusión que porá en marcha para informar a todos os gandeiros galegos das posibilidades que ofrece o Programa de Mellora Gandeira, e que consta dunha serie de actos a nivel provincial para dar a coñecer os recursos en materia xenética producidos en Galiza. “Trátase de poñer en valor e de difundir todos os avances acadados en xenética de calidade que se están a producir en Galiza, poñéndoos ao servizo dos gandeiros e fomentando a aposta por uns recursos adaptados ás necesidades das explotacións galegas”. A través desta campaña de difusión, os gandeiros coñecerán os distintos programas, as vantaxes que supoñen para as súas explotacións e cales son os máis axeitados para cada sistema de produción. Ademais, a Consellaría Ten habilitada unha páxina web (melloragandeira.com) para facilitar o acceso á información sobre este tipo de recursos.

O conselleiro explicou que o feito de contar cun Programa propio de Mellora Xenética vai encamiñado a rematar coa dependencia do exterior neste ámbito, posibilita a produción de material xenético adaptado ás necesidades de Galiza e permite dispoñer de animais con alto potencial xenético en función do sistema de produción. Na actualidade, Galiza conta co Programa Xenético máis puxante do Estado español, como amosa o dato de que 21 dos 50 mellores touros do territorio español sexan do Programa de Mellora Gandeira de Galiza, que 7 das 20 primeiras vacas en produción por quilos de graxa e proteína sexan galegas, e que contemos co touro nº1 por valoracións xenéticas –touro Mario Xacobeo-, con probas efectuadas en case 100 fillas e 70 rabaños.

A produción propia de xenética apoiase tecnicamente en centros como Xenética Fontao, a Unidade de Transferencia Embrionaria de Bos, Laboratorio de Xenética Molecular, Centro de Mouriscade e gandarías colaboradoras, nos que se levan a cabo programas de incorporación e produción de material xenético, así como o desenvolvemento de novas vangardas tecnolóxicas para levar a cabo ditos programas. A través deste proceso prodúcese material xenético de calidade que permite incrementar a competitividade galega nun mercado moi complexo. O conselleiro asegurou que “aínda que se está nunha fase de consolidación, o crecemento é exponencial e os mellores resultados evidenciaranse máis aínda nos vindeiros anos, xa que en xenética os resultados se acadan no longo prazo, tendo en conta que en gando vacún o intervalo xeracional é longo, polo que é preciso continuar traballando neste proceso para que Galiza se integre e se manteña plenamente no mercado mundial da xenética”.

O conselleiro fixo fincapé en que o programa galego vai máis aló que obter sementais probados mellorantes e que do que se trata é de mellorar o groso da produción láctea galega, por tratarse do principal subsector agrario en Galiza, producindo máis do 36% do leite do Estado, e incrementando nos últimos anos a produción en medio millón de toneladas; acadando unha produción media por explotación de 151.000kg/ano.

O Programa de Control Leiteiro, como parte do programa de mellora gandeira, rexistra obxectivamente e sistematicamente a produción e calidade do leite das femias de raza frisona, para estimar o valor xenético dos animais. Deste xeito, todos os meses 114 controladores visitan á hora do muxido 4.271 explotacións galegas, séguense e rexístranse os datos de 183.251 vacas maiores de 2 anos e tómanse e analízanse 1.500.000 mostras de leite ao ano. Para as propias explotacións estar en Control Leiteiro significa participar nun programa de selección e beneficiarse da mellora xenética, o que supón un estímulo persoal e profesional, así como un atractivo para manterse no sector polo pulo de profesionalización que este programa significa.

fresqui  delicious  digg  technorati  yahoo  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]