Anxo Quintana: "Cando Galiza se presenta no Estado sen engurrarse, consegue éxitos"

Santiago, 21 de novembro de 2007.- O portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, sinalou hoxe que “cando Galiza se presenta na política estatal sen engurrarse, consegue éxitos e logra saír adiante”. Así o demostrou unha vez máis, tal e como sinalou Quintana, esta semana cos 100 millóns de euros acadados para o financiamento da Lei de Dependencia. O vicepresidente lembrou que, ata fai pouco tempo, “tiñamos unha Lei de Dependencia mal financiada, o Estado recortaba fondos e agora temos conseguido que o Estado cando menos reporte os fondos que lle corresponden e así, con isto unido ao esforzo da Administración galega, podemos asegurar que vamos poder protexer aos cidadáns que máis protección precisan”. Dixo que, ao seu entender, este é o camiño a seguir, “o camiño non é a guerra, o camiño non é o catastrofismo, o camiño é actuar, responsable pero firmemente, crendo en Galiza, crendo nas súas posibilidades, e seguro que así haberá solucións e haberá horizontes”. O vicepresidente fixo estas declaracións esta mañá no transcurso dunha entrevista en Radio Líder

O vicepresidente recordou o carácter global desta crise actual, que trascende a Galiza e tamén trascende ao conxunto do Estado español, “unha crise mundial, que o que está evidenciando é que os países que son capaces de facer políticas propias resisten mellor, os países que son capaces de utilizar o seu autogoberno para pór os recursos do país ao servizo dos cidadáns, fanlle fronte mellor á crise. E sobre todo, non poderán evitar a crise, pero se actúan nesa dirección, cando a crise pase estarán en moito mellores condicións de colocarse á vangarda europea e mesmo mundial e este ten que ser o noso obxectivo”.

Quintana sinalou que por iso nesta situación, agora é o momento de fortalecer o noso tecido produtivo e o momento de protexer socialmente á xente para que a crise non produza un deterioro social que despois sería moi difícil de remontar. Dixo que non é o momento de debater cando van ser as eleccións ou cuestións dese estilo, senón que “queda moito por facer, hai moita xente que o está pasando mal e o que esperan de nós é que adoptemos medidas, que fagamos propostas e que traballemos para intentar protexelos”.

Medidas fronte á crise
O vicepresidente dixo que, aínda que a situación actual é dende logo preocupante, o que si sente é unha satisfacción por ser líder dunha forza política non convencional, xa que sobre todo agora o que está quedando patente é que a política convencional non serve para nada, senón que o que serven son as políticas valentes para atender os problemas da xente e nesa liña é na que se traballa dende Galiza. “A xente o que ve é que se fala moito dos bancos, das grandes empresas, que se fala de inxectar liquidez ao sistema financeiro, pero a xente ao mesmo tempo ve que segue tendo os mesmos problemas para ter créditos nos bancos e que cada vez hai máis cidadáns ameazados no seu posto de traballo ou na posibilidade de pagar a súa hipoteca a final de mes”, explicou Quintana.

Ante esta situación, o vicepresidente incidiu en que “o que hai que facer é política pensando na xente e non tanto pensando na superestrutura, e como o sistema financeiro non está a funcionar, o lóxico é que os gobernos tomen medidas, pero medidas de verdade, e que polo tanto, unha das cousas que fagan sexa intervención pública para asegurar que o crédito chegue ás familias e ás empresas”. Por iso, Quintana aclarou que sería moi importante que Galiza contara Instituto de Crédito Galego, “dotado con fondos suficientes para poder facer o que hoxe as entidades financeiras non están a facer, así de claro e así de sinxelo”.

ICO galego
Durante a entrevista, o vicepresidente aclarou que o nacionalismo galego concorrerá ás vindeiras eleccións coa proposta para a elaboración dunha nova Lei de Caixas, “que sirva sobre todo para colocar ás entidades financeiras, xunto co Goberno, no apoio da economía produtiva”, e tamén levará no seu programa a constitución dun ICO galego. Unha proposta construtiva e positiva, segundo Quintana, “aínda que por suposto sometida a debate e outras consideracións, como é lóxico nunha democracia onde todas as opinións son respectables”, e unha proposta ademais non moi novidosa, porque xa funciona noutras partes “e nós o que queremos, efectivamente, é que Galiza conte con ese instrumento que noutros lugares teñen e do que se trataría sería de unificar nunha única ventaíña todas as formas e instrumentos de acompañamento empresarial que a Xunta de Galicia ten en marcha”.

Segundo Quintana, sería mellor para Galiza unificar todos estes instrumentos actuais nun só, un instrumento no que ademais participaran tamén as entidades de capital risco das caixas de aforro. “Creo que conseguiriamos ter un organismo potente para poder facer sempre, pero especialmente nun momento difícil como este, o que non están facendo as entidades financeiras agora. E para iso vale o Goberno, para iso vale a intervención pública e creo que iso é o que a xente quere e espera e dende logo que nós estamos dispostos a facer”.

Máis espazo político
Preguntado sobre se o nacionalismo galego xa está en condicións de ofertar máis espazo político para máis galegos que se senten tamén españois, o vicepresidente nacionalista asegurou que se algo ten claro o nacionalismo galego, dende fai xa moito tempo, é que para provocar transformacións nunha sociedade, hai que ter o pobo detrás. “Non vale con reclamacións máis ou menos grandilocuentes, non basta con ter a razón, hai que saber defendela e que cha dean. Nós estamos nese traballo e creo que temos avanzado moito nese sentido”, declarou Quintana, quen engadiu que hoxe en día o nacionalismo é “unha forza política recoñecida como unha forza política útil para o país, unha forza política capaz de, no Goberno, provocar transformacións importantes e ao mesmo tempo, de cada vez poderse dirixir a un maior número de cidadáns”.

Anxo Quintana expuxo que o nacionalismo galego, o BNG, ten unha proposta nacionalista e transformadora, pero “unha proposta feita para o conxunto dos cidadáns, para os que son nacionalistas e para os que non o son, para os que falan en galego e para os que non o falan, esa é a nosa proposta e esa é a nova fronteira do nacionalismo”. Asegurou que o nacionalismo galego aspira a “un país que dignifique a súa identidade cultural, un país que use masivamente o seu idioma, un país que sexa capaz de trazar o seu futuro en base aos seus recursos naturais e a súa capacidade produtiva, e pensamos que esta é unha proposta nacionalista, pero unha proposta que poden compartir en Galiza milleiros e milleiros de cidadáns, moitos nacionalistas e outros que non o son2.

fresqui  delicious  digg  technorati  yahoo  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]