Galiza Nova conseguiu reunir aos Diplomáticos de Monte Alto no seu XX Aniversario

Santiago de Compostela, 2 Decembro 08. A organización xuvenil do BNG realizou o pasado sábado os actos centrais da campaña que con motivo do XX Aniversario da súa fundación están a realizar por todo o país baixo o lema “20 anos deixando pegada”.

O acto político tivo lugar no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela ao que asistiron máis de 250 persoas e que foron obsequiados cunha lámina, entre outras cousas, por parte da organización. No mesmo tivo lugar a proxección dun fragmento do vídeo conmemorativo no que aparecen imáxes inéditas e máis de 50 testemuños de persoas que participaron da organización xuvenil do BNG ao longo destes 20 anos e que desenvolven o seu traballo no BNG ou en diferentes organizacións do movimento nacionalista galego, como a CIG.

Tamen contaron coa actuación de Roberto Sobrado e banda e a actuación dos Diplomáticos de Monte Alto que se xuntaron despois de 8 anos para recordar a súa participación nos concertos que cada 24 de Xullo organizaba Galiza Nova antes do Festigal no que tocaron a apartir de 1996 en diversas edicións. Como facían nas “Arengas da Mocidade” Xurxo Souto e os seus compañeiros ergueron o salón de actos da facultade que bailou e cantou ao son das coñecidas cancións dos Diplomáticos.

No propio acto tamén se lle fixo unha sentida homenaxe ao poeta Manuel María, primeiro militante de honra de Galiza Nova coa lectura do poema da “Bandeira” por parte da nena Antía Louzao. Para rematar os homenaxeados foron todos os secretarios xerais de Galiza Nova que subiron ao escenario acompañados de Bautista Alvarez.

Para a Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, este acto supón “un recoñecemento a todas as persoas que contribuiron a que Galiza Nova sexa a primeira organización xuvenil de Galiza”. “Mais este non foi só un acto para a reflexión senon tamén para a acción, para saber que aínda queda moito traballo para cumprir as nosas aspiracións como mozas e mozos nunha Galiza soberana”, asegurou.

Posteriormente as e os militantes de Galiza Nova e do BNG desprazáronse á cea que tivo lugar a partir das 22:30 e na que participaron aproximadamente 200 persoas. A organización destacou a elevada asistencia aos dous actos e sinala que a campaña de conmemoración dos seus 20 anos ainda non rematou e se completará con actos comarcais nas vindeiras semanas e coa edición dun vídeo conmemorativo.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]