Vivenda incrementa as axudas para a rehabilitación de vivendas no rural

Santiago de Compostela, 3 decembro 2008.- A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, incrementa en 1.520.907 euros o orzamento destinado en 2008 para as axudas de rehabilitación de vivendas no rural e en conxuntos históricos. Con esta ampliación da partida orzamentaria, a Consellería pasa a destinar un total de 8.670.907 euros a estas subvencións en materia de rehabilitación con cargo aos orzamentos de 2008.

A Consellería de Vivenda e Solo amplía esta partida orzamentaria debido ao elevado número de solicitudes recibidas para estas axudas durante o prazo aberto entre o pasado 5 de xuño e o 30 de setembro. Esta liña de axudas permite aos propietarios recibir subvencións de ata o 50% do orzamento protexible cunha contía máxima de 24.000 € para obras de rehabilitación e 30.000 € para obras de renovación das vivendas.

En concreto, a Consellería destina a este programa de rehabilitación un orzamento de 8.670.907 € en 2008, outros 6.930.000 € para 2009 e finalmente 5.340.000 para 2010, en total 20,9 M.€.

Esta liña de axudas vai destinada a persoas, familias ou unidades convivenciais cuns ingresos ponderados de ata 3,5 veces o Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples (IPREM), é dicir, ata 23.475 € anuais. A vivenda obxecto de rehabilitación debe ser a residencia habitual do solicitante e ter unha antigüidade mínima de 15 anos se está situada no medio rural, o requisito da antigüidade non é necesario nos conxuntos históricos. É indispensable que a vivenda obteña a Cédula de rehabilitación de calidade para acceder á subvención, cando menos a Resolución de conformidade da Cédula que acredita a aprobación inicial.

50% da subvención ao inicio da obra


A recente modificación do Decreto 157/2006, que regula as axudas destinadas á rehabilitación de vivendas no medio rural e en conxuntos históricos, permite aos beneficiarios destas axudas cobrar o 50% da subvención outorgada ao inicio das obras ou durante o seu transcurso, presentando as facturas de compra de material, traballos previos ou certificacións de obra.

Nese sentido, o novo procedemento establece que, unha vez que o solicitante obtén a Resolución de conformidade da Cédula de Rehabilitación de Calidade –concesión inicial- pode iniciar a obra e, polo tanto, xa desde ese momento cobrar ata o 50% da subvención ao presentar as correspondentes facturas, certificados de obra e documentación fotográfica. O resto da subvención será abonada unha vez rematada a obra e recibida a concesión definitiva da Cédula. Co procedemento anterior, o solicitante tiña que ter rematada a obra e a concesión definitiva da Cédula para cobrar o importe total da axuda.

A modificación do Decreto 157/2006 inclúe como beneficiarios desta liña de axudas aos propietarios ou inquilinos de vivendas ou edificios situados en conxuntos históricos con declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) ou en conxuntos históricos incluídos nun catálogo de protección oficialmente aprobado. Ademais, no medio rural –núcleos de poboación de ata 1.500 habitantes- só serán beneficiarios os propietarios ou inquilinos de vivendas unifamiliares.

Asentamento no rural


Coa modificación do Decreto, non é necesario que os solicitantes das axudas acrediten residir por un tempo mínimo no concello no que está a vivenda. A Consellería de Vivenda e Solo suprimiu este requisito co obxectivo de facilitar o asentamento ou retorno de poboación ao medio rural. Ata o de agora era preciso acreditar a residencia no concello no que está situada a vivenda durante ao menos os 5 anos anteriores á solicitude da axuda, e para os emigrantes retornados acreditar residencia desde o momento do retorno a Galicia.

Actuacións subvencionadas


As obras de rehabilitación ou de renovación que se contemplan son as relacionadas en elementos exteriores da vivenda, de acordo á tipoloxía da zona, como carpintería exterior, cubertas, acabados na fachada, conservación de elementos singulares e materiais propios das zona (madeira, pedra, lousa, forxa, etc). Tamén se subvencionan as obras en elementos estruturais, construtivos e de seguridade, mellora nas condicións de illamento da vivenda, das instalacións en xeral e todo o relacionado coa mellora na calidade da habitabilidade das vivendas, é dicir, obras dirixidas a adecuar as condicións hixiénico-sanitarias, condicións de ventilación e iluminación ou adaptación da vivenda para uso de persoas con discapacidade e maiores de 65 anos.

fresqui  delicious  digg  technorati  yahoo  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]