Quintana sinala a colaboración institucional entre concellos e Xunta como o camiño para mellorar os servizos de igualdade e benestar

O vicepresidente da Xunta visitou hoxe en Culleredo as obras do futuro centro de día e da galescola

O centro de día de Culleredo contará con 60 prazas e xerará 17 postos de traballo

A nova galescola, no barrio do Burgo, disporá de 82 prazas en 6 unidades e estará atendida por 16 profesionais

Culleredo, 2 xaneiro 09.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, salientou hoxe a importancia da colaboración institucional entre concellos e Xunta para pór en marcha e mellorar os servizos de igualdade e benestar. Algo que se ten materializado por exemplo a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que está servindo para ofrecer novos servizos e infraestruturas aos veciños e veciñas dos municipios galegos. Nunha visita en Culleredo ás obras do centro de día e da galescola que se están construíndo na zona do Burgo, o vicepresidente sinalou que en Culleredo, como noutros concellos de Galicia, se está a pór en practica algo que sabemos que é imprescindible, establecer mecanismos de colaboración institucional estable, “tanto o alcalde coma min tivemos a oportunidade de traballar no ámbito municipal e sabemos a importancia que isto ten”.

Quintana lembrou que nestes tres anos e medio se puxeron en marcha mecanismos que o municipalismo viña reclamando dende sempre. “Ese é o cambio máis importante, o de considerar as institucións municipais como maiores de idade, con disposición para acordar coa Xunta en pé de igualdade e con mecanismos de colaboración estables que redunden en beneficio dos veciños e veciñas para pór en marcha obras coma estas”. Indicou que isto é o que supón a posta en marcha do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, “e quero agradecerlle ao concello de Culleredo que teña apostado polo Consorcio dende o primeiro momento”. Hoxe son máis de 270 os concellos adheridos ao Consorcio, o que supón un avance importante en benestar e en educación infantil.

Centro de día

O vicepresidente destacou que as obras do centro de día son importantes para Culleredo e para toda a comarca, porque este é un centro de perspectiva comarcal e de traballo en rede, “porque sabemos que non son recomendables os servizos localistas e localizados”, polo que a materialización do centro de día de Culleredo é un esforzo con continuidade no conxunto da comarca. En Oleiros xa funciona un centro de día en Oleiros, con 15 prazas; no concello da Coruña acaban de saír a licitación dous centros, en Eirís e Monte Alto, cun total de 160 prazas; e está en fase de redacción do proxecto un segundo centro de día en Oleiros, que terá unha capacidade de 80 prazas. Deste xeito, no horizonte de 2010, a comarca da Coruña contará cun mínimo de 5 centros de día públicos e 315 prazas, alcanzando unha taxa de cobertura do 0,45%. É dicir, unha praza por cada 224 maiores, por riba dos niveis recomendados polo Plan Xerontolóxico (0,2%).

O novo centro de día de Culleredo disporá de 60 prazas de atención diúrna, cunha taxa de cobertura do 1,7%, o que significa 1 praza por cada 58 maiores. O centro será xestionado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que inviste algo máis dun millóns de euros. O novo centro xerará 17 postos de traballo (un director, catro terapeutas, 10 xericultores, un traballador social e un persoa de servizos xerais). As obras están agora en execución e o centro comezará a funcionar a finais de 2009.

Este novo centro de día e a nova galescola en Culleredo veñen ser un paso máis no obxectivo de reforzar a carteira de servizos e recursos nas áreas territoriais de maior poboación, grandes cidades e concellos das áreas metropolitanas, como é o caso de Culleredo, un dos que máis está medrando da zona. Tanto o centro de día como a galescola se sitúan un a carón do outro no barrio do Burgo, nunha aposta por optimizar recursos, favorecer as relacións interxeracionais e enriquecer a convivencia nos espazos públicos.

Rede Galega Centros Día

O vicepresidente da Xunta lembrou hoxe en Culleredo que a Rede Galega de Centros de Día xa ten superado o seu obxectivo inicial de contar con 55 centros de día a finais de lexislatura, o que significará 1.130 novas prazas diúrnas en funcionamento en 2009. En conxunto, o Consorcio xestionará a finais de ano 71 centros de atención á dependencia, cunha oferta global de 2.151 prazas (1.859 de día e 292 residenciais).

Na actualidade, existen 37 equipamentos de atención á dependencia baixo xestión do Consorcio, entre centros de día, centros residenciais e vivendas comunitarias. En conxunto, estes centros suman un total de 953 prazas. Destes 37 equipametos, 26 son centros de día, con capacidade para prestar atención diúrna a 729 usuarios.

Con estas novas infraestruturas, a Vicepresidencia ten multiplicado por seis as prazas públicas de atención de día existentes en 2005. Das 193 prazas diúrnas daquela pasouse ás 1.208 de finais de 2008.

Galescola

A nova galescola que se está construíndo en Culleredo, e que hoxe visitou Anxo Quintana, sitúase, ao igual que o centro de día, na zona do Burgo, unha das máis poboadas do concello e co que se pretende dar resposta á demanda de prazas de educación infantil existente no municipio. O novo centro localízase nunha parcela contigua á que ocupa o centro de día, que tamén está construíndo o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Será unha galescola de grandes dimensións, con 6 unidades e 82 prazas dispoñibles. Aí traballarán 16 profesionais (4 mestres, 10 educadores e 2 persoas de servizos xerais), o que supón un ratio de 1 profesional por cada 5 cativos. O Consorcio está a investir nesta obra, entre 2008 e 2009, máis de 930.000 euros.

Na actualidade o concello de Culleredo dispón de dúas galescola en funcionamento, a galescola “A Tartaruga” e a “Fonde de Balsa-Vilaboa”. As dúas suman un total de 115 prazas, cunha taxa de cobertura do 13,7%. Cando entre en funcionamento a galescola do Burgo, as tres ofertarán 197 prazas, co que a taxa de cobertura acadará o 23,5%. É dicir, case 1 de cada 4 nenos e nenas disporá unha praza pública de educación infantil de 0 a 3.

No conxunto da comarca da Coruña, na actualidade funcionan 7 galescola, con 476 prazas dispoñibles. Un esforzo moi importante nunha zona na que a poboación de 0 a 3 anos medrou en máis de 800 nenos entre 2005 e 2007. E un esforzo que está dando os seus froitos, xa que dende 2005 a oferta pública de prazas medrou nun 46%, pasando das 1.096 prazas de 2005 ás máis de 1.600 na actualidade (tendo en conta todas as escolas de titularidade pública existentes na comarca -Xunta, concellos e galescola-).

Ademais da terceira galescola en construción en Culleredo, o Consorcio tamén está construíndo outras dúas na cidade da Coruña. En conxunto, estas tres novas galescola inxectarán á comarca 246 novas prazas.

Rede Galescola

A Rede Galega de Escolas Infantís está integrada na actualidade por 84 centros, que ofrecen preto de 4.000 prazas. As galescola están hoxe presentes en 82 concellos e en 37 comarcas do país, cun impacto sobre unha poboación de máis dun millón de persoas. Isto significa que 4 de cada 10 galegos e galegas dispoñen dunha galescola na súa vila ou cidade.

Dende o inicio da lexislatura, a oferta de prazas públicas de 0 a 3 medrou nun 69%, pasando das 6.595 prazas en 2005 ás 11.134 na actualidade. Mentres que en 2005 só existían en Galicia 118 escolas infantís de titularidade pública, hoxe son 215. A taxa de cobertura en prazas públicas de 0 a 3 sitúase no 17,9%, case 7 puntos por riba do índice de 2005, que era do 11,3%. Se se teñen en conta ademais o total de prazas sostidas con fondos públicos, a taxa de cobertura acada o 25,3%.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]