Quintana augura as "mellores expectativas para o BNG" o 1-M e amosa a súa confianza en que o nacionalismo lidere o goberno

Quintana e Barreiro antes da presentación do libro

Allariz, 3 Xaneiro 09.- O portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou esta mañá en Allariz que o BNG ten "as mellores expectativas" de cara ás eleccións do vindeiro 1 de marzo e amosou a súa confianza en que o nacionalismo poida liderar un futuro goberno da Xunta.

O lider nacionalista fixo estas declaracións aos medios de comunicación antes de presentar o libro de Xosé Luís Barreiro Rivas "Vontade de nación: Unha conversa con Anxo Quintana".

En resposta aos profesionais dos medios, Quintana dixo que nun momento en que se disparan as especulacións electorais "a única cousa que queda por dilucidar nestas eleccións é canto vai subir o BNG",

Anxo Quintana apuntou que "todo o mundo sabe xa que o PP non vai gobernar" e que o PSOE "non vai sacar un resultado especialmente diferente". Fronte a estas certezas, subliñou que "o que todo o mundo sabe tamén é que o BNG vai subir e só falta por saber canto".

O BNG presentará aos vindeiros comicios "unha alternativa nacionalista e transformadora", indicou o portavoz nacional, ao tempo que asegurou que as alternativas ideadas polo nacionalismo estarán "pensadas e dirixidas para os galegos que falan galego pero tamén para os que falan castelán, para os que en outras eleccións votaron BNG, pero tamén para os que votaron polo PSOE ou o PP".

O vicepresidente do goberno galego reflexionou sobre o fracaso do modelo de política tradicional ao contrapuxo a política do BNG, "alternativa, transformadora e comprometida co país".

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]