Fernando Blanco inaugura en Cervo a nova rede de telecomunicacións sen fíos do polígono industrial de Cuíña

A Consellaría de Innovación e Industria desenvolveu unha instalación con tecnoloxía Wimax que dará cobertura de banda larga ás empresas localizadas no polígono e ás súas zonas estremeiras
 O investimento destinado á nova infraestrutura, que inclúe unha torre de telecomunicacións e dúas antenas, ascende a 71.200 euros
 O departamento de Fernando Blanco desenvolve infraestruturas similares en 32 polígonos do país cun investimento global de preto de 5 millóns de euros

Cervo, 7 Xaneiro 09. O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, inaugurou esta mañá no concello lugués de Cervo a nova rede de telecomunicacións sen fíos do polígono industrial de Cuíña. Estas instalacións, desenvoltas con tecnoloxía Wimax, ofrecen cobertura de banda larga de calidade ás empresas localizadas no polígono e supuxeron un investimento por parte do departamento de Fernando Blanco de 71.200 euros.

O conselleiro de Innovación e Industria considerou que a nova infraestrutura representa unha boa contribución para mellorar a actividade das empresas do parque de Cuíña e a súa capacidade de atracción empresarial. Hoxe en día, a xuízo de Fernando Blanco, a dispoñibilidade de conexión a internet por parte do sector empresarial é imprescindible para que poidan manter a súa competitividade produtiva e de servizos. No entanto, segundo explicou o titular nacionalista, aínda hoxe, cando xa todos os novos polígonos contemplan o servizo de banda larga dende a súa construción, unha parte dos existentes ou ben carecen del ou ben é deficiente.

Esta carencia é a que a Consellaría de Innovación e Industria está a suplir coa instalación de sistemas de telecomunicacións sen fíos en 32 polígonos do país, cun investimento de preto de 5 millóns de euros e cos que se consegue dotar de banda larga de calidade o 92% dos parques empresariais existentes. Fernando Blanco avanzou que están rematados os equipamentos nos 12 primeiros parques contemplados, para implantárense de xeito progresivo os restantes 20 até o 15 de xuño, cando se conclúe a totalidade. Esta iniciativa, que se completará este mesmo ano co obxectivo de conectar o 100% dos polígonos, enmárcase no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información posto en marcha pola Consellaría.

A nova instalación Wimax do polígono de Cuíña de Cervo ocupa 28 metros cadrados de superficie. Consiste nunha torre de telecomunicacións que conecta co radio-enlace de Burela para captar o sinal e levalo mediante 2 antenas ao conxunto do parque empresarial e as súas zonas estremeiras nun radio de 1,5 quilómetros, co que parte das vivendas de San Cibrao, Espiñeirido e Gondrás, entre outras, poderán recibir o servizo. Ademais do acceso a Internet con largo de banda, velocidade e prezos competitivos tamén estará dispoñible a transmisión de voz sobre IP. Ofértanse servizos de entre 2 e 12 Megas, 10 contas de correo de capacidade de 1 GB con antispam e antivirus, acceso a mensaxería para a xestión de correos, mensaxes de voz e fax, envío de mensaxes xigantes e vídeo supervisión (cámaras vixía para ver e gravar o interior e o entorno da empresa).

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]