Aymerich: "O problema ambiental de Galiza non é un plano eólico que respeita a lexislación e os espazos naturais galegos"
O portavoz parlamentar defende a resolución do concurso e recomenda que os problemas ambientais do país se busquen en Sogama
Santiago de Compostela, 9 Xaneiro 09.- O portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, quixo aclarar hoxe, ante a información publicada en algúns medios de comunicación que “o problema ambiental de Galiza non é un plano eólico que, pola primeira vez, respeita a lexislación ambiental e os espazos naturais galegos”.
Neste sentido, Aymerich quixo especificar que “nin o plano nin o concurso eólico aprobou novos parques na Rede Natura”, ben ao contrario, “nos parques xa existentes dentro desta rede e autorizados durante os gobernos do PP, o que se contemplan son actuacións de redución do seu impacto visual e paisaxístico, como pode ser a redución de aeroxeradores”.
O portavoz nacionalista recomendou, na mesma liña que, “quen ande á procura dos problemas ambientais de Galiza, faría ben en ir a Sogama e investigar a situación de verquidos de lixiviados que esta empresa segue a realizar”. Na mesma liña, Aymerich indica que “tamén é un problema que a Consellaría de Medio Ambiente, da que depende esta empresa, non fose capaz de ampliar nestes catro anos, a Rede Natura no noso país”.
O BNG, pola contra, “seguirá a traballar para defender o medio ambiente natural de Galiza e a esixir que a lexislación ambiental sexa escrupulosamente respeitada en caisquer actuación, tanto pública como privada”, concluíu Aymerich.

