"Os que tiñan medo ao debate teñen agora medo a debater con Quintana"
Santiago de Compostela, 9 xaneiro 09. O coordinador executivo do BNG, Francisco Jorquera, asegurou hoxe que a pretensión de TVE de organizar un debate eleitoral de cara ás próximas eleccións galegas unicamente entre os candidatos do PP e do PSOE, excluíndo ao candidato do BNG, Anxo Quintana, “é un ilegalidade e unha fraude ao pluralismo informativo que a sociedade galega non vai permitir”.
Nunha comparecencia en rolda de prensa, Francisco Jorquera criticou que “o BNG se tivera que enterar desta proposta impresentábel en termos democráticos non por vía oficial, senón a través da web do ente público”.
“TVE non entende que Galiza non é Madrid e de que os galegos e galegas elixiron un mapa político propio”
O líder nacionalista denunciou que “esta estratexia de TVE está ao servizo dos que queren desgaleguizar as eleccións galegas e de que Galiza non teña espazo político propio”.
“Queren trasladar a Galiza o bipartidismo estatal PP-PSOE como se Galiza non tivese unha dinámica política propia que claramente é a tres. É una atentado contra o pluralismo político e a sociedade galega non vai permitir que desde Madrid se cometa esta ilegalidade”, advertiu.
“Núñez Feijoo está obsesionado por excluír a Anxo Quintana dos debates porque sabe que vai perder”
Neste sentido, o coordinador executivo do BNG lembrou “a teima obsesiva de Alberte Núñez Feijoo de excluír a Anxo Quintana dos debates eleitorais porque sabe que vai perder e para evitalo pretende facer trampa”. "Os que tiñan medo ao debate teñen agora medo a debater con Quintana", asegurou.
Proposta do BNG: un debate a tres sobre política xeral e propostas contra a crise
Ante a actuación de RTVE, Francisco Jorquera anunciou que “o BNG vai establecer contacto con representantes do PP e do PSOE para consensuar o modelo de debate eleitoral”.
A este respeito, adiantou que “a proposta do BNG é que se fagan dous debates cos líderes das tres forzas políticas galegas: un de política xeral galega e outro sobre a crise económica, porque pensamos que é un asunto que preocupa e moito á sociedade e, polo tanto, merece un debate propio sobre as medidas propostas polos distintos partidos”.
“De non prosperar esta negociación –advertiu- , o BNG recorrerá a todos os instrumentos xurídicos e legais para que prevaleza o dereito dos cidadáns a unha información plural”.
Acertada decisión da Xunta Eleitoral
Por último, e a preguntas dos xornalistas sobre a decisión da Xunta Eleitoral de Galiza de impedir unha campaña de publicade da Consellaría de Presidencia entre os galegos e galegas do exterior, Francisco Jorquera considerou “acertada” a resolución.
“Non se fai máis que cumprir cunha lexislación eleitoral que xa de por sí é moi laxa, tal como ven denunciando o BNG”.

