Quintana acusa a Feijóo de "propor negocios nefastos para Galiza" e utilizar a AP-9 como "mercadoría especulativa"

Un momento da presentación da candidatura

O candidato nacionalista revela que a o PP vendeu a empresa nacional de autoestradas por 1.500 millóns de euros e agora revendeuse por 7.900 millóns

A Coruña, 21 Xaneiro 09
.- O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana defendeu esta mañá na Coruña a necesidade de traballar a favor da xente do común e en contra da crise e afirmou que “é posíbel facer outras cousas. Entre elas denunciar que “non pode ser que infraestruturas básicas e vertebradoras para o noso país estean a utilizarse unicamente como mercadoría especulativa para a compravenda de empresas”.

O candidato á presidencia revelou que “no seu momento, a ENA (empresa nacional de autoestradas) vendeuse por 1.500 millóns de euros e agora, a empresa que a mercou acaba de vender os mesmos activos por 7.900 ME, alguén terá que dar explicacións”, esixíu Quintana, “e nós pensamos que é o momento de cambiar o paso,de cambiar o ritmo”.

De aí que o líder nacionalista argumentase a necesidade de que “haxa unha intervención pública na autopista do Atlántico para asegurar que unha infraestrutura básica para o país non sexa utilizada como mercadoría bursátil, senón como unha infraestrutura básica de interese xeral”.

“Ésa será a nosa proposta, aínda que estamos acostumados a que sexa descalificada e a que non se lle presenten alternativas”, argumentou, “pero nós somos corredores de fondo e sabemos que as cousas empezan asi pero acaban de outro xeito. Asi nos sucedeu co complemento autonómico ás pensións non contributivas, que nos dicían que era imposíbel e agora existe”.

Quintana aludíu a unhas declaracións de Núñez Feijóo nas que indicaba que “o mellor que podiamos facer era traspasar a autoestrada á Xunta. Primeiro vende a autoestrada a prezo de saldo, permite que se dea agora un pelotazo e agora nos quer cargar o morto aos galegos e galegas”.

“Todos os negocios que propon o señor Feijóo son nefastos para Galiza”, concluíu Quintana, “e chegou o momento da verdade, das propostas, de facer as cousas de outro xeito”.

fresqui  delicious  digg  technorati  yahoo  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]