Quintana: "Co BNG no goberno, a provincia de Ourense deixou de chorar para converterse en protagonista do cambio"

Alfredo Suárez Canal aposta por que a próxima lexislatura ten que ser a da “articulación definitiva de Ourense como capital termal e referente a nivel mundial”

Ourense, 24 Xaneiro 09.- O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou esta noite nunha cea-mitin que servíu para presentar a candidatura nacionalista ás eleccións do 1-M e que contou con máis de 1.400 asistentes, integrada por unha representación plural da realidade ourensana, entidades de ámbito social, entidades deportivas, mundo empresarial, cargos orgánicos e institucionais, militantes e simpatizantes.

O portavoz nacional explicou na súa intervención que nestes tres anos e medio nos que cambiou o panorama político galego deuse un cambio fundamental para a provincia de Ourense. “Co BNG no goberno, a provincia de Ourense deixou de chorar para converterse en protagonista do cambio”, explicou.

“Co nacionalismo no goberno, Ourense ten un proxecto político de futuro baseado nas súas capacidades produtivas e na súa posición xeográfica estratéxica no noso país”, continuou o líder nacionalista.

O candidato á presidencia indicou que o BNG “aposta por deixar atrás o localismo chorón do PP e seguir pulando polo proxecto de cooperación intelixente con Vigo para facer do sur de Galiza o motor económico do país”.

O líder do BNG relatou o labor que o nacionalismo está a facer desde o goberno galego neste sentido en eidos como a eonomía produtiva, os recursos turísticos, a vivenda protexida, a creación de solo industrial

Valentía política

O portavoz nacional describíu o proxecto do BNG para a vindeira lexislatura e indicou os seus eixos principais que se centran na “valentía política, un goberno sen ataduras e o compromiso inviolábel cos intereses de Galiza”.

Asi, Quintana explicou que o nacionalismo puxo en marcha xa nesta lexislatura o Plano Sectorial de Vivenda protexida con 45.000 vivendas proxectadas no noso país “que vai server para reactivar o sector da construción e que porá vivendas a prezo taxado no mercado. Puxemos a primeira pedra e agora os cidadáns co seu voto deben dicir se queren que haxa vivenda protexida ou prefiren que non a haxa”.

Alfredo Suárez Canal

Pola súa parte, o cabeza de lista pola provincia de Ourense, Alfredo Suárez Canal, asegurou que a próxima campaña se presenta como unha "oportunidade histórica" para culminar o proceso de transformación do País que se ten iniciado durantes estes máis de tres anos e para levar ao BNG e ao seu candidato, Anxo Quintana, a determinar o goberno a partires do próximo 1 de Marzo.

Suárez Canal afirmou que nomeadamente no caso dunha provincia como Ourense é fundamental que se aposte de forma decidida por unha forza política que cando chegou ao Goberno demostrou capacidade de xestión, de transformación e de compromiso coa realidade social e por iso "cremos que a aposta debe ser fortalecer a representación do nacionalismo na provincia para que poidamos intensificar a velocidade do cambio".

O candidato nacionalista explicou que grazas á chegada do BNG ao goberno da Xunta a sociedade gañou en confianza e levantou a súa autoestima, de aí que considere preciso dar ese "salto cualitativo" o próximo 1 de Marzo para "facer irreversible ese poder ao servizo de Galiza en xeral e de Ourense en particular", e "é posíbel", engadiu.

Sobre os retos e necesidades da provincia, Suárez Canal dixo que hai moitos e moi importantes, e tamén moitas cousas que xa están en marcha. Salientou, por exemplo, o enorme potencial do medio rural e o monte e amosou a súa confianza en que a próxima vai ser a lexislatura na que definitivamente se consoliden as denominacións de orixe vitivinícolas. Asemade, defendeu situar a Ourense no centro do termalismo, "os próximos catro anos teñen que servir para a articulación definitiva da capital como referente termal a nivel probablemente mundial", dixo.

O cabeza de lista do BNG aludiu tamén á situación de crise que se está a padecer nestes momentos e lembrou que o Bloque Nacionalista Galego nunca compartiu o modelo neoliberal que conduciu á dita situación, a nivel global e mundial,e por iso reiterou a necesidade de dar un salto cara adiante o próximo 1 de Marzo para poder levantar outra "arquitectura económica e social", un "modelo sen hipotecas" que invista a maior parte dos seus recursos na economía produtiva e no País.

"Galiza nunca máis moeda de cambio senón valor de uso", dixo, e concluiu afirmando que esta ten que ser a lexislatura do cambio significativo de tendencia en Ourense, "por moito que o PP se empeñe en dicir que non, a perda das eleccións do 1 de Marzo significarán sen ningún xénero de dúbidas a apertura dun novo escenario e dun novo rumbo, tamén na provincia".

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]