Guillerme Vázquez, sobre as Europeas: "Estamos moderadamente satisfeitos porque cumprimos o noso obxectivo"

imaxe dunha reunión da Executiva Nacional do BNG

Santiago de Compostela, 8 Xuño 09.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, explicou esta tarde en rolda de prensa despois da reunión da Executiva Nacional que o órgano dirixente do Bloque “valorou o resultado obtido como modesto, pero non desprezábel” polo que indicou que “estamos moderadamente satisfeitos porque cumprimos o noso obxectivo”.

Vázquez lembrou que o BNG “non tiña representación na Eurocámara e agora teremos a posibilidade de estar neste foro”.

O número un do nacionalismo galego referíuse tamén á situación na que se enmarcaron estes comicios e indicou que “non queremos dicir que sexa unha escusa, pero o campo de xogo non foi igual para todos”, en referencia ao bipartidismo que se incrementou aínda máis nestes comicios.

Malia todo, o portavoz nacional quixo deixar claro que “se alguén foi capaz de trasladar a súa mensaxe á sociedade galega foi o BNG”, ao tempo que indicou que, segundo a avaliación feita pola Executiva, a perda de votantes padecida onte foi á abstención.

“A fórmula da coaligazón coa que concorremos revelouse como útil”, continuou o líder nacionalista, “acertamos coa fórmula que eleximos e asi se demostrará coa nosa presenza en Bruxelas”.

“Mantemos a nosa convicción de sermos moi diferentes ás opcións das outras forzas políticas”, explicou.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • audio da rolda de prensa