Montse Prado: "Traballamos intensamente para termos un 25 de Xullo masivo"
Santiago de Compostela, 30 Xuño 09.- Montse Prado é a nova Secretaria de Organización da Executiva do BNG que saíu da Asemblea Nacional extraordinaria do mes de maio. A dirixente nacionalista fala para a web do BNG nesta entrevista na que avanza as claves da campaña do 25 de xullo e analiza os primeiros pasos do PP no goberno.
Que retos afrontas nesta nova etapa como Secretaria de Organización do BNG?
Despois do proceso asamblear no que debatemos unhas teses e decidimos unha nova liña política, o reto é precisamente pór en práctica eses obxectivos políticos. Estamos nun novo ciclo, despois de termos pasado polo Goberno e, fundamentalmente, o obxectivo é afortalar e dinamizar o conxunto da organización, conseguirmos un BNG moito máis vivo, unha militancia máis informada, máis formada e máis activa socialmente, para aumentar a nosa base social, a nosa capacidade de actuación e presenza e con iso acadar os obxectivos básicos do BNG: que Galiza teña máis cotas de poder, máis capacidade política, económica e que os galegos e galegas teñamos unha maior calidade de vida.
Cal é a mensaxe que se quer trasladar á militancia cara este 25 de xullo?
"O PP entende o galego como unha barreira, non como a lingua propia, como un elemento de identidade, un elemento de orgullo e comunicación entre os galegos e galegas"O activo máis importante do BNG é a nosa militancia. Ten que ser unha militancia activa, formada, informada, actuante socialmente, os militantes son os dinamizadores da organización e, nese sentido, a prioridade é estar en contacto permanente coa militancia, afortalar a estrutura territorial interna do BNG para acadar o obxectivo de sermos máis úteis á sociedade. Nese sentido, para o 25 de Xullo estamos a preparar unha campaña intensa porque se trata dunha data simbólica a través da cal reivindicamos a nosa condición de nación e os dereitos que se derivan dela. Cando negan que Galiza é unha nación fanno para negar tamén os dereitos políticos que nos permitan exercer como tal. Queremos un Estatuto que realmente nos permita desenvolver todas as nosas posibilidades, ter a capacidade económica necesaria para poder desenvolver esas potencialidades e que diso se derive o acceso á soberanía plena. O Día da Patria é a reivindicación colectiva dese dereito.
Por iso, nestes momentos nos que por parte da dereita tentan negarse eses dereitos cunha auténtica ofensiva e un intento centralizador de negar a realidade plurinacional e pluricultural do Estado español, é máis necesario ca nunca que sexamos milleiros os galegos e galegas que este 25 de Xullo reivindiquemos nas rúas de Santiago eses dereitos que temos como nación.
Por iso faremos unha campaña intensa por toda Galiza, de chamamento a participar neste Día da Patria, explicando a necesidade de que o nacionalismo teña cada vez máis forza en Galiza como condición necesaria para que este país progrese. Porque a única razón de ser do nacionalismo é que exista unha nación con futuro e o único xeito de que sexa así é que o nacionalismo sexa cada vez máis forte.
Este labor iníciase nun momento en que o PP asumiu o poder. Cando xa levan máis de dous meses de goberno como avalías as primeiras decisións do executivo?
O PP tiña moita présa por chegar ao Goberno para dicir que tiña a solución a todos os problemas que había no país. O que se demostrou xa neste período é que non tiñan esas solucións e que basean a súa política simplemente en posturas “anti”. Basearon a campaña no “anti-bipartito” dicindo que era a ruina para Galiza e que eles ían solucionalo todo, pero nunca dixeron como. Agora está enriba da mesa o financiamento autonómico e o único que aclaran é a súa oposición ao modelo catalán. Deixan claro o seu anticatalanismo, pero non propoñen ningunha solución para Galiza. O que estamos vendo é que están facendo de oposición da oposición. Non comezaron a gobernar e o único que fixeron foi desfacer o feito.
"Queren trasladar á cidadanía a idea de que non hai alternativa, que todos somos iguais, pero non é certo"Están poñendo moito empeño en acabar con todo o que sexan sinais de identidade propias de Galiza e unha das primeiras actuacións é en contra do galego. Tiveron moita présa na modificación da Lei de Función Pública que xa aprobaron por vía de urxencia para que, segundo eles, o galego deixe de ser unha barreira. Entenden o noso idioma como unha barreira, non como a lingua propia de Galiza, non como un elemento de identidade, non como un elemento de orgullo e comunicación entre os galegos e as galegas. Por iso están actuando para eliminalo con iniciativas como a consulta aos pais sobre o idioma. Só serve para lexitimar a decisión que xa teñen tomada de modificar un decreto de mínimus baseándose nun teórico dereito dos pais a opinar a respeito de aquelo que lle afecte aos seus fillos, pero, curiosamente, ese mesmo dereito non o aplican a algo como a gratuidade dos libros de texto. Usan de xeito demagóxico o dereito dos cidadáns a opinar.
A sociedade galega está a reaxir ante estas medidas do PP, como avalía isto?
É evidente que o PP está actuando cunha estratexia que lle vén marcada desde Madrid, unha estratexia antinacionalista, anti BNG, anti todo aquilo que poida defender posturas diferentes ás súas. Ante isto, o BNG vai pór todo o seu empeño en combatelo e temos a satisfacción de comprobar que hai unha parte moi importante da nosa sociedade que tamén se está poñendo enfrente destas políticas do PP que en nada van beneficiar nin á convivencia, nin á nosa identidade, nin á nosa razón de ser como nación.
Estamos a ver como reaxen movementos sindicais, asociacións e cidadáns anónimos que non queren esta confrontación con algo tan básico, tan propio, tan persoal como o idioma. Non van permitir que a dereita consolide este desmantelamento do idioma.
Nestes días abriuse tamén unha campaña do PP que consistiu en facer oposición da oposición lanzando acusacións como o coñecido como caso Carrumeiro ou unhas obras certificadas sen rematar. Que está a suceder con todo isto, que hai de verdade e que de falso?
"O activo máis importante do BNG é a súa militancia"O PP presentouse ás eleccións practicamente sen programa e baseou a súa campaña en desacreditar o traballo feito e agora está tentando trasladar á cidadanía que non hai alternativa, que todos somos iguais e que en política todos actuamos do mesmo xeito, simplemente para tratar de agochar a súa práctica política. Están máis que contrastados casos de corrupción dentro do PP, de dirixentes encausados, demostrada a súa implicación en casos de aproveitamento de recursos públicos en beneficio privado e queren agochar esa realidade lanzando a idea de que todos temos actuacións como as deles. Isto non é certo. Lanzan cortinas de fume pero, desde o BNG, temos instado ao PP a que acudan aos xulgados se realmente teñen unha proba e non o fixeron porque saben que non hai nada detrás diso. Só queren agochar as súas miserias, pero o BNG sempre tivo unha actuación pública rexida pola transparencia, o estrito cumprimento da legalidade, en defensa dos dereitos das maiorías, traballando para o conxunto da sociedade e nunca en beneficio propio nin partidario.
En casos como o do concello de Mugardos, no que a Fiscalía abrirá dilixencias por un presunto caso de corrupción urbanística contra o alcalde nacionalista Xosé Fernández Barcia, de feito, xa ficou demostrada a falsidade destas acusacións...
Si, o sucedido neste caso, é un claro exemplo. Coñecimos este mes de xuño un auto do xulgado número 4 de Ferrol que pon de relevo que detrás dunha campaña de difamación dun alcalde e dunha equipa do BNG non había absolutamente nada detrás, igual que non o hai no resto dos casos.
E, dende logo, se cren que con iso van conseguir que o BNG deixe de actuar, están equivocados porque nós actuamos en defensa das maiorías e ímolo seguir facendo. Aconsellámoslle ao PP que non siga por ese camiño de “difama que algo queda” porque non vai servir para pararnos. Imos continuar a ser unha auténtica alternativa ás súas políticas. Asi se está a comprobar en eidos como a nosa loita para evitar a destrución do idioma ou na aportación de solucións ante a crise, estando ao lado dos traballadores, como tería que facer o Goberno do País.
Tamén no campo do Parlamento o PP está tentando amordazar á oposición cunha lectura particular do regulamento no seu propio beneficio reducindo a capacidade de intervención do BNG
Si, dentro desta mesma liña que comentabamos, vemos como intentan, cunha interpretación torticeira e reducionista do regulamento, evitar que a oposición en xeral e o BNG en particular, poida fiscalizar o traballo do Goberno e exercer de voz de milleiros de galegas e galegos. Tentan impedir que os nosos deputados e deputadas poidan facer ese labor de control e de propostas. Queren converter o Parlamento nun esperpento, ridiculizalo, en vez do que debe ser: o lugar no que reside a soberanía real do país e o instrumento fiscalizador das políticas que se fan en Galiza.

