Guillerme Vázquez acusa a Feijóo de "non cuantificar que quer Galiza" no debate do financiamento

Santiago, 30 Xuño 09. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acusa ao presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, de escudarse no “acordo xenérico” do Parlamento Galego sobre o financiamento autonómico para “non cuantificar nen precisar o que quere Galiza”.

“Feijóo non ten un papel protagonista neste debate sinxelamente pola súa indefinición. Se un non fai propostas concretas, corre o risco de simplesmente non contar na negociación, frente a outras comunidades autónomas que si están a dicir con concreción a que aspiran neste debate”, indica Guillerme Vázquez nunha avaliación do encontro tido hoxe polo presidente da Xunta co vicepresidente do Goberno do Estado, Manuel Chaves.

“A estas alturas continuamos sen coñecer a proposta concreta que fai o señor Feijóo a este respecto. Non ten precisado que cantidade aspira a conseguir dos 9.000 millóns de euros que di o Goberno central que pon sobre a mesa, non ten dito que porcentaxes de cesión demanda sobre os tributos cedidos, nen sequera se ten manifestado a respecto de se lle parecen suficientes ou non os 9.000 millóns de euros que ofrece o Estado para o conxunto das comunidades autónomas”, avalía Guillerme Vázquez, quen lembra que o BNG ve esa cantidade a todas luces insuficiente.

"O noso obxectivo é a plena suficiencia financeira de Galiza. A nós non nos vale o café para todos"“Cando menos debería incrementarse até alcanzar os 15.000 millóns de euros”, precisa. “Teño que dicir con absoluta clareza”, engade o portavoz nacional, “que a cuestión central para o BNG é que Galiza avance na dirección de conseguir a plena suficiencia financeira. Diso o señor Feijóo non di absolutamente nada. Nós temos demandado que se incremente até o entorno do 80 por cento a porcentaxe de cesión sobre os tributos cedidos, IRPF, IVA, Especiais. Cal é a posición do señor presidente da Xunta a este respecto? Continuamos sen coñecela”, engade o líder nacionalista.

A posición da conselleira de Facenda


A indefinición de Feijóo contrasta coas declaracións feitas pola conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, quen nunha entrevista xornalística publicada esta semana desvelaba a cifra que ao seu xuízo debería obter Galiza para atender adecuadamente as súas necesidades de gasto. “Asume vosté, señor Feijóo as declaracións da conselleira de Facenda segundo as cales o noso país precisa incrementar o seu financiamento en 1.350 millóns de euros”, inquírelle o portavoz nacional do BNG, lembrando que esa cantidade representaría o 15 por cento dos 9.000 millóns de euros que o Estado está disposto a pór sobre a mesa para incrementar o financiamento do conxunto das comunidades autónomas.

O líder do nacionalismo galego salienta que “o café para todos fiscal” -isto é, que se xeneralice a todas as comunidades autónomas unha mesma porcentaxe de cesión dos tributos estatais- non “serve para atender as necesidades específicas de Galiza”. “Do que se trata é de garantir a igualdade de condicións non no punto de partida, senón no punto de chegada. A Galiza só lle debe valer un acordo que garanta a súa plena suficiencia financeira, isto é, que se poda autofinanciar sen recorrer ao fundo de suficiencia”.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]