Guillerme Vázquez reclama á Xunta que "se implique ao máximo nivel para acadar xa un convenio colectivo para o metal"

A Executiva Nacional do BNG apoiou coa súa presenza a marcha dos traballadores do metal a Compostela

Santiago de Compostela, 30 Xuño 09
. Unha delegación da Executiva Nacional do BNG, encabezada polo portavoz nacional, Guillerme Vázquez, acudíu este mediodía en Santiago de Compostela, a receber aos traballadores do metal que chegaban na súa marcha desde Pontevedra para reclamar un convenio xusto para o sector.

Á marcha uníronse tamén esta mañá á súa chegada á capital galega unha representación do grupo parlamentar nacionalista no Hórreo, entre os que se atopaban a súa viceportavoz, Ana Pontón, e o portavoz de Emprego, Henrique Viéitez, que percorreu os últimos metros a pé cos traballadores en sinal de apoio ás súas reclamacións.

Guillerme Vázquez, que estivo acompañado pola Secretaria de Organización, Montse Prado, ademais de polo Secretario de Formación, Francisco Rodríguez, mantivo un encontro informal co secretario xeral da CIG, Suso Seixo, para lle trasladar o apoio do BNG ás mobilizacións do sector a prol dun convenio digno.

Alí, o líder nacionalista falou para os medios e afirmou que a Xunta “ten que facer un esforzo ao máximo nivel e mediar neste conflito”. Neste sentido indicou que, “ás veces, dá a sensación de que o Executivo Galego actúa de parte e que non pon interese en acadar un acordo satisfactorio”.

Vázquez lembrou que estamos ante unha situación que afecta a milleiros de familias e indica que “se hai tanta xente que protesta, durante tanto tempo, por algo será”.

“O que é evidente é que esta situación ten que rematar e a Xunta debe mediar para acadar un convenio xa”, continuou e, nesta liña, lembrou que, “os primeiros interesados en que a folga remate son os propios traballadores afectados”.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]