Guillerme Vázquez empraza a Feijóo a que diga "cal é o listón galego" na negociación do financiamento
Rolda de prensa de Guillerme Vázquez
O líder do nacionalismo galego emprazou ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a que diga “cal é o listón galego” na negociación. “Continuamos sen saber que é o que propón en concreto o presidente da Xunta. Segue parapetándose detrás do acordo do Parlamento Galego. Pero este é un acordo xenérico, de mínimos, e o presidente do Goberno galego non está sendo capaz de xestionalo politicamente pola súa indefinición e polas súas vacilacións”, afirmou o líder do nacionalismo galego. Vázquez tamén mandou un recado ao Goberno do Estado: “Que incremente sustancialmente os recursos que está disposto a poñer sobre a mesa. Que pase dos 9.000 millóns de euros a cando menos 15.000, que son a cantidade apartir da cal se podería mellorar o financiamento das comunidades autónomas”.
"A posición negociadora de Feijóo é débil porque el vetou o Novo Estatuto"A xuízo do portavoz nacional do BNG, Galiza afronta o proceso negociador desde unha posición de debilidade que ten como orixe “o feito de que o país careza dun Novo Estatuto”. “A responsabilidade de que vaiamos a esta negociación sen o respaldo legal dun Novo Estatuto é unica e exclusivamente do Partido Popular que na pasada lexislatura se encargou de impedir que Galiza se dotase de máis competencias e, consecuentemente, de maiores recursos de financiamento”, alega Guillerme Vázquez.
O líder nacionalista caracterizou a posición de Núñez Feijóo na negociación en curso de “débil” pola súa “indefinición” e pola súa “falta de coraxe”. “Cal é o listón galego na negociación?”, perguntouse Guillerme Vázquez, que engadiu: “Aínda non o sabemos. Que é o que pide o señor Feijóo? Pide 600 millóns de euros ou pide os 1.350 dos que ten falado a conselleira de Facenda. Que porcentaxe de cesión dos impostos estatais defende o presidente da Xunta? O 50 que propón o Goberno do Estado ou o 85 por cento que propón o Bloque Nacionalista Galego? Non o sabemos nen nós nen a sociedade galega”.
GALIZA BAIXA DE CATEGORÍA
Como consecuencia de todo isto, Galiza corre o risco de “baixar de categoría”. “Como nacionalidade histórica, até agora mantivémonos en Primeira División. Pero está claro que en termos fiscais todo apunta a que vamos descender. Euskadi e Nafarroa hai moito que teñen resolta a cuestión fiscal moi favorabelmente para os seus intereses. Catalunya está a piques de conseguilo. E nós? Nós, a este paso, estaremos no vagón de Murcia e La Rioja”, aseverou Guillerme Vázquez.
CRÍTICAS AO GOBERNO DO ESTADO
Criticou tamén o goberno do Estado que, na súa opinión, non “está tampouco a plantexar nengún modelo que camiñe cara á mellora do financiamento autonómico”. “Dá a impresión”, acrecentou, “que o único que pretende é resolver os problemas políticos do PSOE, sobre todo os que ten en Catalunya, e de paso dar satisfacción a comunidades autónomas como Valencia, Andalucía ou Madrid”.
O líder do BNG pediu asemade ao Goberno do Estado que “retire a súa proposta actual” por ser “puramente continuista” e emprazouno a que abra un camiño cara “á un modelo de descentralización dos ingresos e non só dos gastos”.
“Un modelo que permita que as comunidades autónomas recaden os impostos e logo transfiran fondos ao Estado para financiar as competencias de carácter estatal”, concluíu.

