O BNG presentará mocións en todos os concellos contra a supresión da gratuidade dos libros de texto do Goberno do PP
Carme Adán e Manuel Antelo
Coa reforma do Goberno do PP as familias galegas terán que pagar nos próximos oito anos uns 330 millóns de euros
Carme Adán denunciou que coa supresión deste sistema “Galiza convértese, por detrás de Madrid, na Comunidade con menos axudas ás familias para a compra de libros de texto”. “
Ademais subliñou que “non é máis educativo, porque o anterior sistema estimulaba aos nenos e nenas a compartir e conservar os libros; non é ecolóxico, e tamouco é máis xusto nen solidario pois moitas familias con rendas medias, como os mileuristas, non terán dereito a axudas”. “Non vemos onde está a solidariedade”, advertiu.
Para a deputada do BNG “outra falacia do sistema que quere implantar o Goberno do PP é a de que supón un aforro económico”. “Non é certo -advertiu- , é un sistema que é 3,2 veces máis caro que o implantado polo Goberno Bipartito, e ademais a maior parte do custo vano ter que asumir as familias galegas, un auténtico ataque ás economías familias xusto neste momento de crise económica”.
Neste sentido, Carme Adán explicou que “se ben é certo que o modelo que quere implantar o PP ten un custo de 70 millóns de euros fronte aos 73 que supuña o modelo de préstamo gratuíto, este último garantía a gratuidade total ao 100% do alunado, mentres que o primeiro só o fará ao 25%”.
“E é que se o modelo do PP se estendese a gratuidade dos libros de texto ao 100% das familias suporía un sobrecusto nos próximos 8 anos de 330 milóns de euros para as arcas públicas. É dicir, 3,2 veces máis caro ca o do Goberno Bipartito, e ese custo é o que van ter que asumir as familias galegas”, denunciou a deputada do BNG.
“Nos concellos o PP está a apoiar ou absterse na moción do BNG porque a reforma do Goberno de Feijóo é indefendíbel”
Pola súa parte, o secretario de Acción Municipal do BNG, Manuel Antelo, salientou que a moción do BNG xa foi aprobada en concellos como Fene, As Pontes, Betanzos, Foz, Malpica, Redondela ou Ribadavia.
Neste sentido, considerou “moi significativo que en case a totalidade dos casos os concelleiros e concelleiras do PP optan por absterse ou mesmo apoiar a moción do BNG, como no caso de Foz, porque non teñen argumentos para defender ante os pais e as nais unha postura da Xunta que é totalmente inxustificábel”.
Manuel Antelo anunciou que de aquí ao mes de setembro o BNG levará a moción para que se manteña a gratuidade dos libros de texto a todos os concellos galegos.

