Guillerme Vázquez ve "ticks neoliberais" nos orzamentos galegos e do Estado e pide máis intervención pública para saírmos da crise
O portavoz nacional afirma na clausura da XI Asemblea Nacional de Galiza Nova que “a caixas teñen que ter o seu centro de decisión aquí e o goberno galego debe intervir directamente na súa xestión”
Santiago de Compostela, 25 Outubro 09. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta tarde na clausura da XI Asemblea Nacional de Galiza Nova na que se reelexiu a Iria Aboi como Secretaria Xeral.
Un aspecto da asemblea no momento en que se entonou o himno galego
"Outro modelo fiscal é posíbel, un modelo que faga que quen máis teña, pague máis"“Non se poden subir os impostos indirectos, como fai o goberno español, nin rebaixar o investimento nos servizos públicos, como fai o galego”, indicou.
Capitalismo
O líder nacionalista fixo unha dura crítica ao neoliberalismo asegurando que é “contrario aos dereitos dos pobos e aos dereitos humans”. Neste sentido criticou a actuación dos responsábeis desta situación de crise e ironizou “viñeron os grandes oligarcas demandando unha paréntese na chamada economía de mercado para que o erario público pague agora os pratos rotos”.
Así, o portavoz nacional afirmou que “os recursos públicos inxectáronse na banca, pero logo non chegan en forma de créditos a particulares nen a empresas, coa conseguinte paralización da actividade produtiva”, continuou, “podemos afirmar que quebrou o paradigma neoliberal que viñeron practicando os gobernos conservadores e socialdemócratas”.
A Asemblea caracterizouse pola alta participación dos mozos e das mozas
Nacionalismo galego
A saída desta crise, tal e como indicou o número un do nacionalismo galego, “non pode basearse en dogmas neoliberais” e fronte a esa receita está o nacionalismo galego que afirma que “os pobos teñen dereito a vivir e a traballar na súa terra”.
“Outro modelo fiscal é posíbel”, acrecentou o líder nacionalista, “un modelo que faga que quen máis teña pague máis” e asegurou que “hai que apostar por salarios dignos para a mocidade, por outra sanidade e por outro ensino”, ése é o modelo nacionalista.
A Asemblea votou os 25 membros da nova Dirección Nacional
Referiuse o portavoz nacional á polémica encol do Estatuto de Nación e asegurou que “non ficaremos impasíbeis ante aqueles que nos queren meter na segunda división. Temos que estar na liga das Nacións”.
Indicou que o financiamento que padecemos na actualidade “é insuficiente para afrontar todos aqueles servizos que a nosa xente demanda” e culpou desta situación ao PP, que non foi quen de negociar outro financiamento e que, sobre todo, “foi e é o principal obstáculo para avanzar cara á un Novo Estatuto”.
O aforro dos galegos
Guillerme Vázquez, durante a súa intervención no acto de clausura
“O goberno da Xunta non pode ficar parado pola decisión do PP estatal que está a apostar pola absorción das caixas galegas polas foráneas”, indicou.
Relacións internacionais
O líder nacionalista lembrou que o BNG “se opuxo á guerra de Irak e á de Afganistán” e que “os que manteñen esas guerras son incapaces de garantir un mínimo tinte democrático neses países”.
“Demandamos de Zapatero a saída inmediata das tropas de Afganistán” e ironizou con que “unha foto non pode valer tanto”, en clara referencia á visita do presidente estatal ao presidente norteamericano.
Iria Aboi
Pola súa banda, a Secretaria Xeral de Galiza Nova, reeleita na Asemblea de hoxe denunciou na súa intervención a política laboral da Xunta de Galiza que padece a mocidade galega. “O PP dá cobertura pública aos intereses empresariais e dá as costas á mocidade e ao colectivo de traballadores e traballadoras”.
Tamén denunciou o reclutamento de mozos e mozas nos centros de ensino para que formen parte do exército e envialos á guerra, ao tempo que subliñou que as liñas de traballo deste novo goberno pasan por “subvencionar o ensino privado e afogar as Universidades galegas”.
Aboi amosou o apoio de Galiza Nova á plataforma “Queremos galego” e referiuse ao colectivo de mulleres para enarborar a bandeira da defensa dos seus dereitos e criticar á Conselleira Pilar Farjas por “revisar os centros Quérote e subvencionar asociacións antiabortistas”.

