Guillerme Vázquez: "Os orzamentos do Estado non dan resposta ao retraso de Galiza en materia ferroviaria"

Guillerme Vázquez, minutos antes de facer declaracións aos medios

O portavoz nacional afirma que “a supresión do complemento autonómico das pensións non contributivas demostra até que punto é antisocial o goberno do señor Feijóo”

Santiago de Compostela, 26 Outubro 09. O portavoz nacional manifestou a “profunda preocupación do BNG” polo retraso das infraestruturas ferroviarias en Galiza e explicou que ésta foi unha das razóns das emendas que o nacionalismo galego ten presentado aos orzamentos do Estado para 2010, “porque consideramos que son insuficientes para resolver este retraso”.

O portavoz nacional realizou estas declaracións no transcurso do acto de presentación de propostas sobre transporte e alternativas de mobilidade que se celebrou esta mañá na estación de ferrocarril de Santiago de Compostela.

Guillerme Vázquez criticou na súa intervención o denominado “pacto do Obradoiro” no que o presidente da Xunta e o Ministro de Fomento José Blanco asinaron un documento sobre o desenvolvemento das infraestruturas no noso país ao que se referiu como “un pacto fraude” e ironizou co feito de que “agora o PP presenta emendas aos orzamentos destinados ao ferrocarril”.

“Hai que preguntarse polo que firmou Núñez Feijóo nese pacto”, concluíu.

Pola súa banda, a tenente de alcalde Socorro García criticou o confusionismo que están a crear PP e PSOE sobre o futuro da estación de ferrocarril de Santiago porque “nun momento falouse dunha grande infraestrutura para Compostela e non se aclararon nen os prazos nen os orzamentos e tampouco se garantiu que a estación sexa intermodal”.

“Dende o BNG reclamamos un cambio de modelo que afecte á mobilidade de Santiago e comarca”, afirmou e, neste sentido engadiu que o BNG aposta por unha estación intermodal que se convirta no centro e que posibilite o transporte en autobús, un transporte urban ben deseñado para o centro de Santiago e o seu contorno e que se combine o tren de alta velocidade e o de proximidade”.

A portavoz do BNG reiterou a aposta nacionalista por unha estación que “teña capacidade para poder combinar o tren a Lavacolla, a Bertamiráns e Milladoiro con apeadeoiros que contribúan a mellorar comunicación dos barrios periféricos co centro de Santiago de Compostela”.

No acto estiveron ademais, a deputada comarcal e membro da Executiva Nacional, Ana Pontón, o alcalde de Teo, Martiño Noriega, o portavoz en Ordes, Gonzalo Castro, os concelleiros Elvira Cienfuegos e Xosé Manuel Iglesias, o responsábel comarcal, Nacho Louzao e o local, Rubén Cela.

Complemento autonómico das pensións non contributivas

A perguntas dos xornalistas sobre a supresión do complemento autonómico das pensións non contributivas, creado polo BNG na Xunta, o portavoz nacional asegurou que o PP está “na liña de botar para atrás todos os avances de tipo social” e engadiu que “resulta chamativo que sexa o propio señor Núñez Feijóo quen aproba isto, o que no seu dia cualificou de insuficientes e mesmo demandou un incremento do complemento das pensións mínimas. Agora, á primeira de cambio, quere suprimilo”, sorprendeuse, “este anuncio é indefendíbel”.

O líder nacionalista asegurou que “ésta é unha medida inxustificábel ante a opinión pública, xa que estes complementos existen en varias CCAA e precisamente está dirixido a persoas cun poder adquisitivo mínimo, cremos que esta decisión non é de recibo”.

Tamén en resposta ás perguntas dos xornalistas sobre o anuncio da Consellaría de Benestar sobre a realización dun estudo sobre os subsidios en vigor indicou que “está claro que se o goberno diminúe o gasto en sanidade e educación tamén vai haber un recorte importante en todas aquelas cuestións que teñan a ver co benestar social”.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]