Ana Miranda comprométese co sector pesqueiro e marisqueiro a defender que se recoñeza "un trato específico para a nosa pesca e marisqueo en Europa"

A portavoz do BNG en Europa mantén unha axenda de traballo na Galiza centrada na reforma da Política Pesqueira Común

Santiago de Compostela, 26 Outubro 09.- A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, e o responsábel de Pesca no Parlamento de Galiza, Bieito Lobeira manteñen hoxe, luns, unha axenda de traballo con diversas entidades pesqueiras galegas co obxectivo de lles consultar e recoller as súas opinións e experiencia con respeito ao proceso de reforma da Política Pesqueira Común (PPC).

Os nacionalistas consideran que, “despois dunha fracasada e ineficiente Política Pesqueira Común para o noso País, ésta é unha excelente oportunidade para lle trasladar á Comisión Europea dun xeito positivo e realista as demandas do sector pesqueiro galego”.

Cómpre lembrar que este proceso foi presentado en abril deste ano e ten de prazo até decembro para a presentación de reivindicacións dos distintos sectores da pesca europea.

Ana Miranda reivindica de xeito especial o feito de que estea a ser unha vez máis o BNG o que está traendo este tema á actualidade política, “mentres a Conselleira do Mar e o Goberno español esquecen por completo o sector e a importancia deste debate, deixando de lado, máis unha vez, a promoción dos sectores primarios galegos”.

Por iso, o BNG, ante a inacción dos gobernos responsábeis, emprendeu esta consulta e comprometeuse hoxe a trasladar directamente á Comisión Europea e aos futuros debates no Parlamento Europeo a postura e as demandas do sector no noso país.

A axenda de traballo iniciouse coa reunión coa Asociación de Confrarias de Galicia en Compostela, continuando co encontro no Consello Regulador do Mexillón de Galicia e posteriormente en A Coruña coa Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia ASOAR –ARMEGA.

No primeiro destes encontros, Miranda comprometeuse a demandar que “a comisión europea recoñeza a baixura e o marisqueo como sectores diferenciados politicamente e en axudas, especificidade que non admite agora a Comisión Europea”.

A portavoz do BNG en Europa fai especial fincapé na importancia dun sector como o de baixura e marisqueiro na creación de emprego, “sectores que supoñen máis de 40.000 postos de traballo no noso país, viábeis economicamente e que fan un especial esforzo pola sustentabilidade”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]