Ana Miranda presenta en Touriñán a iniciativa coa que o BNG denuncia en Europa a intención do PP de "destruír a natureza instalando unha planta acuícola en Rede Natura"

A portavoz do BNG en Europa reclamará en Bruxelas a paralización do proxecto dunha nova praia en Corcubión pola súa afección medioambiental

Santiago de Compostela, 27 Outubro 09. A portavoz do BNG en Europa e futura eurodeputada, Ana Miranda, presentou hoxe ante os medios no Faro de Touriñán a iniciativa que levará á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo denunciando a decisión do goberno popular de destruír a natureza e o medio ambiente do País coa instalación dunha planta acuícola en zona protexida pola Rede Natura.

A nacionalista indicou que “a granxa de rodaballo vai ocupar unha superficie de 300.000 m2 no istmo de Cabo Touriñán, en “Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) ES111005-Costa da Morte da Rede” asentándose na súa maior parte na zona de Hábitats de Interés Prioritario.

Ana Miranda lembrou que “este proxecto xa tivo unha enorme contestación social, e foi rexeitado polo anterior Goberno autónomico polo seu elevado impacto ambiental”.

A representante do BNG sostivo que “o espazo do cabo Touriñán é un dos lugares menos alterados da costa atlántica europea, de nula presión urbanística, con grande valor ecolóxico e que no seu conxunto constitúe un claro exemplo de guía para a confección de políticas de xestión territorial e implantación da Rede Natura 2000”.

Miranda amosou o estupor do BNG ante o proxecto de construción dunha planta de acuicultura de 300.000 m2 en pleno litoral da Rede Natura, tendo en conta, ademais, que o Goberno de Galiza, aínda non aprobou un plano de conservación dese “Lugar de Importancia Comunitaria (LIC).”

Asemade, a voceira do BNG preguntouse se “dado que se pretende cofinanciar este proxecto con fundos europeos, ten coñecemento a Comisión Europea de que o destino da cofinanciación procedente do Fondo Europeo de Pesca (FEP) subvencionaría preferentemente a acuicultura industrial terrestre de peixes planos, en detrimento da acuicultura mariña, as artes tradicionais de pesca e a mellora dos recursos pesqueiros e marisqueiros autóctonos do litoral galego”.

Finalmente, Miranda denunciou tamén a cantidade de residuos que xeran estas instalacións e afirmou que esta circunstancia colisiona co establecido pola normativa europea relativa á conservación dos hábitats naturais de fauna e flora silvestres.

Afección medioambiental por unha nova praia en Corcubión

A portavoz nacionalista desenvolveu hoxe unha xornada de traballo que se completou cun encontro coas mariscadoras de a pé da Confraria de Mariñeiros de Corcubión, para examinar o estado da praia urbana desa vila, proxecto promovido por ese concello, e que ten a oposición frontal do BNG, xa que poderia vulnerar directivas comunitarias e afectar a extracción de moluscos.
Neste sentido, a futura eurodeputada comprometeuse a presentar tamén en Bruxelas unha iniciativa denunciando o proxecto “faraónico” que podería destruír a riqueza dos fondos mariños da zona.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]