Ana Miranda acusa o Goberno galego de "estar ausente do debate sobre a reforma da política pesqueira común"
Ana Miranda, durante a súa comparecencia na Sede Nacional
A futura eurodeputada cualificou de “abandonista” a política pesqueira da Xunta. “O Goberno galego non só está ausente do debate sobre a reforma da política pesqueira común, senón que ademais entrega na Cámara uns orzamentos galegos que contemplan un recurte intolerábel dos fundos da Consellaría do Mar”, denunciou Miranda.
"Galiza debe ser declarada zona altamente dependente da pesca e a frota de baixura e o marisqueo debe ter un tratamento específico"A portavoz nacionalista criticou o presidente da Xunta por facer “unha viaxe propagandística” a Bruxelas para “facerse unha foto con Durao Barroso” e non abrir nen un “oquiño” na súa axenda “para entrevistarse co comisario de Pesca, co que nós, e en compañía de representantes do sector pesqueiro, si nos vimos hai agora un ano”.
Pola súa parte, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, non está a facer o que debería: “Debería liderar a posición galega ante a reforma da PPC. No canto de facelo ela, estámolo a intentar facer nós. Ela debería recorrer os portos, reunirse con confrarías, coas asociacións de artes menores, coas mariscadoras. Nada diso está a facer”.
A futura eurodeputada do BNG cualifica de "abandonista" a política pesqueira da Xunta
Esa postura nacional sintetizouna así Ana Miranda: “Queremos que Galiza sexa considerada Zona Altamente Dependente da Pesca, que se conceda un tratamento específico á frota de baixura e ao marisqueo, que as axudas que se outorguen non vaian ao desguace, senón á modernización da frota e que se controle con moito rigor a orixe dos produtos de importación que entran nos nosos mercados, de maneira que non sexa posíbel que mexillón procedente de Chile se comercialice baixo o rótulo de Rías Gallegas”.
A mellora das condicións social-laborais e retributivas de mariñeiros e mariscadoras e a denuncia do principio de estabilidade relativa (en virtude do cal os barcos galegos non poden acceder en igualdade de condicións aos caladoiros comunitarios) son outros dos principios que, a xuízo do BNG, deben conformar a posición galega no debate en curso para a reforma da PPC, concluiu Ana Miranda.

