Guillerme Vázquez propón un acordo entre as forzas políticas para manter a galeguidade das caixas e cambiar a lei que as regula

Santiago de Compostela, 31 outubro 09. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, propuxo hoxe ás demais forzas políticas un acordo para manter a galeguidade das caixas de aforros e para modificar a lei que as regula.

Guillerme Vázquez fixo estas declaracións aos medios no marco dunhas xornadas de formación que o BNG celebrou esta mañá en Santiago de Compostela baixo o título “As receitas do Goberno Español e da Xunta de Galiza perante a crise e as alternativas do BNG”.

“O que nos xogamos neste momento non é unha caixa galega e outra do sul, unha ou dúas, senón se é galega ou non”

O líder nacionalista apelou “a un acordo nacional galego entre as forzas políticas para blindar o futuro das caixas galegas”, un pacto para que dixo “o BNG pon dúas premisas básicas: que os centros de decisión das caixas de aforros queden en Galiza e que se reforme a actual lei de caixas”.

Entre esas medidas, incluiu a integración de Caixa Galicia e Caixanova nunha única entidade. "Se é necesario para alcanzar ese fin unha fusión entre elas, que se faga" declarou.

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG advertiu, en alusión tanto ao presidente da Xunta de Galiza como ao PSOE, de que “non é responsábel a postura de non pronunciarse ou esperar a ver qué decisión toma o Banco de España ou, con todos os respectos, os actuais directivos das caixas galegas”.

“Necesitamos -subliñou- unha postura nacional galega e o presidente da Xunta debera liderar o proceso nese sentido para evitar que os centros de decisón financeira marchen do país, un risco que se corre no actual momento pola vía da absorción por outra entidade foránea”.

Guillerme Vázquez insistiu en que “a cuestión que se debate nestes momentos non é caixa do norte ou caixa do sur, se temos unha ou dúas, senón o que se está debatendo, o que está en xogo, é se temos caixas galegas ou non”.

“É necesario reformar a Lei de Caixas”

O portavoz nacional do BNG lembrou que as caixas de aforros galegas recollen máis do 50% dos aforros dos galegos e galegas e conceden máis do 50% do crédito.

Por iso, aseguro que o pacto entre as forzas políticas galegas sobre as caixas de aforros debe contemplar, ademais do mantemento da galeguidade das mesmas, unha reforma da Lei de Caixas “para incidir na orientación pública do aforro dos galegos e galegas, precisamente nun momento no que o principal problema que teñen tanto a empresa do noso país como os particulares é a falta de creto”.

Precisou que “queremos reformar a Lei de Caixas non para practicar o nepotismo de Rajoy e Aguirre, senón para profundizar na súa democratización e transparencia e para mellorar a súa coordinación coa Xunta de Galiza ao servizo da economía do país”.

Así, salientou que o BNG presentou unha proposta de Lei de Caixas de Aforros de Galiza “que busca eses obxectivos”.

Xornadas de formación do BNG

Guillerme Vázquez interveu esta mañá nunhas xornadas de formacion do BNG sobre “As Receitas do Goberno español e da Xunta de Galiza perante a crise e as alternativas do BNG”.

Na palestra participaron o ex-deputado do BNG e economista, Xosé Díaz; o catedrático de Economía da USC, Xabier Vence; o portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, e o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]