Resumo das Xornadas de Formación do BNG sobre "As receitas do Goberno español e da Xunta perante a crise e as alternativas do BNG”

Palestra dos ponentes

Santiago de Compostela, 31 outubro 09. A secretaría de Formación do BNG organizou este sábado en Satiago de Compostela unha xornada sobre “As receitas do Goberno español e da Xunta perante a crise e as alternativas do BNG”.

No acto, no que houbo unha numerosa e activa participación da militancia do BNG, participaron nunha palestra o ex-deputado do BNG e economista, Xosé Díaz; o catedrático de Economía da USC, Xabier Vence; o portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, e o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera.

“A maior parte dos recursos públicos provén da clase traballadora”

Iniciou a intervención o ex-deputado do BNG no Parlamento Galego e economista, Xosé Díaz, facendo unha análise sobre de ónde proveñen os recursos públicos.

Para iso fixo unha análise dos Orzamentos do Estado para 2010, que ascenden a uns 400.000 millóns de euros. Dese total, explicou que 106.000 millóns de euros proveñen da renda do traballo a través do IRPF, que se gasta na política de pensións; 133.000 millóns proveñen das cotizacións sociais dos traballadores e traballadoras; 110.000 da endebedamento do Estado, e o resto de IVE, impostos especiais, de sociedades e transferencias da Unión Europea.

Francisco Rodríguez, secretario de Formación doBNG

“Polo tanto, -subliñou- vemos que a grande maioría dos ingresos que procura o Estado proveñen da clase traballadora”

Facendo unha comparación entre os orzamentos do Estado e da Xunta de Galiza asegurou que “os do Estado son algo máis racionais, en canto que son algo máis anticícilos para combater a crise”. Para iso puxo como exemplo que mentres que os gastos de capital do Goberno Central medran un 10%, os da Xunta diminúen un 15%.

“Uns orzamentos do Estado malos para Galiza e para combater a crise”

Pola súa parte, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, fixo unha análise dos Orzamentos do Estado, tanto pola vía da recadación coma dos ingresos.

Para o deputado nacionalista “fronte ao que anuncia o Goberno, os orzamentos do vindeiro ano están tan pensados en combater a crise e reactivar a economía, senón que están más orientados a conter o déficit público para volver no máis breve posíbel á estabilidade orzamentaria”.

Pola contra subliñou que “para o BNG os obxectivos dos Orzamentos do Estado deberían ser outros moi diferentes: estender os servizos sociais, cambiar o modelo de crecemento e combater a crise económica”.

Xosé Díaz

En canto aos tributos, Francisco Jorquera criticou que “a política de tributos do Goberno Central está máis pensada en incrementar a recadación que no outro obxectivo que tamén deben ter: corrixir as desigualdades sociais e ter cun carácer redistributivo”.

Neste sentido, advertiu de que o incremento do IVE “ten un carácter inxusto porque castiga ás rendas medias e baixas, que porcentualmente, son as que teñen que destinar máis parte da súa renda ao consumo”.

No tocante á supresión dos 400 euros, Francisco Jorquera anunciou que “do mesmo xeito que nos opuxemos que se concedera esta deducción sen ter en conta a renda dos contribuíntes, igualmente criticamos que se suprima con carácter xeral”.

A este respeito, Francisco Jorquera lembrou que “no proceso de negociación dos Orzamentos presentámoslle ao Goberno un paquete de medidas fiscais que, na práctica, aseguraba o mesmo volumen de recadación que queren facer para o ano 2010 pero facendo un reparto máis equitativo e xusto do punto de vista social”.

Ademais, salientou que desde o punto de vista territorial “por primeira vez en cinco anos os Orzamentos do Estado para 2010 diminúen o investimento en Galiza, un 5% o sexto maior descenso por Comunidades Autónomas”.

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados concluíu a súa intervención salientando “a necesidade fundamental de que o BNG sexa un referente alternativo ás políticas económicas que aplican o PSOE no Goberno do Estado e o PP na Galiza”.

Francisco Jorquera

“Uns orzamentos da Xunta antisociais e privatizadores”

Neste sentido, o portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Carlos Aymerich definiu os Orzamentos da Xunta de Galiza para 2010 como “faltos de realismo, privatizadores e antisociais”.

Así, puxo de manifesto “a incoherencia do discurso do Partido Popular que en Madrid clama contra o endebedamento público e en Galiza quéixase, e con razón, dos límites que pon o Goberno Central ao endebedamento das Comunidades Autónomas”.

Entrando a analizar as contas da Xunta para o vindeiro ano, Carlos Aymerich denuncia que “a política de austeridade que vende Feijóo é puro fume, pero iso si recorta os gastos sociais”.

Así, salientou que “a reducción do gasto corrente -gasto de gabinetes, de mantemento de instalacións....etc- é mínima: dun 0,9%”, os gastos de persoal baixan un 2%.

Pola contra, advertiu de que os principais recortes dos orzamentos galegos son no capítulo 4, de gasto social, que baixan un 3,4% e no capítulo 6, de investimentos reaais, un 14,4% menos, mentres que as transferencias aos concellos diminúen un 7,7%

Carlos Aymerich

Carlos Aymerich denunciou que “esta diminución do investimento púbico, tenta compensala o Goberno de Feijóo coa privatización de infraestruturas sanitarias e de comunicación, creando unha auténtica hipoteca para a sanidade pública galega”.

No tocante ao gasto social, o portavoz do G.P. Do BNG puxo de manifesto que “non hai blindaxe do gasto social como anuncia Núñez Feijóo”. Así, se ben aumenta a aportación á Lei de Dependencia, “porque está regulado por Lei a cofinanciación entre Xunta e Estado e porque dos 77 millóns con que contará para o ano que ben, 44 proceden do Goberno Central, sen embargo baixan todas as outras partidas de gasto social”.

Puxo como exemplo o recorte en políticas de atención á discapacidade, na loita contra a pobreza e exclusión social, ou nas políticas activas de emprego, “que baixan un 9% xustamente nun ano no que vai medrar o número de parados”.

Tamén fixo fincapé no descenso dun 20% do orzamento para normalización lingüística, do 14% en cultura, ou do 22,8% en políticas de vivenda.

Carlos Aymerich concluiu que “estes orzamentos demostran que o Goberno de Feijóo está a vender fume, e baixa os brazos na loita contra a crise económica porque eles están aquí simplemente á espera de que o PP goberno no Estado”.

Ante esta situación, anunciou que o BNG presentará unha emenda á totalidade aos Orzamentos da Xunta para 2010 e presentará emendas transversais para dotar dun programa real de loita contra a crise económica.

Xabier Vence

“O compromiso democrático empeza pola democracia fiscal”

Pola súa parte, o catedrático de Economía da Universidade de Santiago e militante do BNG, Xavier Vence, comezou a súa intervención facendo unha refexión sobre a necesidade de que “unha forza politíca madura tamén debe de ter unha proposta fiscal elaborada”.

E iso porque, segundo salientou, “a democracia asúmese na súa integridade cando a poboación comprende a lóxica do sistema fiscal que soporta e ao que contribúe”. “O compromiso democrático -subliñou- empeza por asumir a democracia fiscal”.

Neste sentido, amosou a súa preocupación “pola progresiva extensión da lóxica do gorrón, azuzada polo individualismo asocializante dos discursos neoliberais , e pola cal se considera que o normal e intelixente é ver cómo se escapa dos impostos”

Xavier Vence denunciou que “este discurso é favorecido polo propio sistema fiscal español, xa que os concellos fináncianse principalmente con transferencias, son logo conseguidores para os cidadáns; e o mesmo pasa coas Comunidades Autónomas, onde tampouco hai responsabilidade fiscal”

Publico asistente

“Deste xeito, -criticou- transmítese cara abaixo, cara á poboación, a lóxica da reivindicación do gasto, despreocupándose de quen paga ese gasto”

Por iso, o catedrático de Economía da USC subliñou que “o debate de fondo é o do sistema fiscal español, de quen paga e cómo se pagan os impostos para financiar as políticas públicas”.

Neste sentido, denunciou que “o modelo fiscal moderadamente progresista que se implantou en 1977 foise destruíndo nos últimos anos de reformas neoliberais, e nelo colaboraron tanto o PP que practica ese discurso, como o PSOE que aplica a mesma filosofía fiscal que o PP”.

As alternativas do BNG

Como alternativas concretas a un modelo fiscal inxusto que cada vez descansa máis sobre as rendas do traballo e sobre as clases medias e baixas, Xavier Vende propuxo unha batería de medidas entre as que salientou unha política decidida de loita contra a fraude fiscal -calcúlase que acada uns 90.000 millóns ao ano no IRFP e un terzo do IVE-; cambater a evasión fiscal e os paraísos fiscais; incremento nos tramos do IRPF, con dous tramos máis para as rendas altas até chegar ao 55% de gravame no caso das superrendas, ou modificar a fiscalidade das SICAV e das sociedades de capital-risco, xa que a bonificación a estas últimas non cumpre os obxectivos para os que foron creadas.

Ademais, propuxo modificar o imposto de sociedades “porque tal e como está agora é máis oneroso fiscalmente facer un traballo produtivo que adicarse á especualación en bolsa”. Neste sentido, demandou que “cando menos, as rendas do capital coticen o mesmo que as rendas do traballo”.

No tocante ao IVE, Xabier Vence avogou por “non incrementar este imposto pero si reestruturalo”. En concreto, propuxo suprimir o tipo reducido do 7% de tal xeito que se simplifique en dous: o normal, do 16%, e un superreducido, do 4%, que inclúa todos os bens básicos, incluídas a carne e o peixe, que actulmente, e de xeito incomprensíbel malia a súa importancia en Galiza, está no tipo do 7%.

Xabier Vence concluiu facendo un resumo do que, ao seu xuízo, debe ser o discurso en materia fiscal do BNG de cara á sociedade: “O BNG non está a favor de que se suban impostos, pero si de aumentar os impostos aos ricos e ás grandes fortunas, e -perseguir- aos que non están a pagar impostos”.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]