"Fusións vainas haber, o que hai que evitar é que se traduzan na absorción das caixas galegas por entidades foráneas"
O portavoz nacional pide a Feijóo que “se defina dunha vez” e que apresente un recurso de inconstitucionalidade contra o FROB por violar as competencias autonómicas
Vigo, 3 Novembro 09. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, estivo esta mañá en Vigo, onde mantivo unha reunión de traballo co Comité de Empresa da conserveira Alfageme. Alí asegurou en declaracións aos medios sobre o futuro das caixas que “todo apunta a que as fusións a esta altura son inevitábeis. Fusións vainas haber”, concluíu.
En opinión do líder nacionalista “serán fusións puras e duras ou fusións encubertas (a través do sistema de protección institucional)” mais, a realidade, tal e como a describiu o portavoz nacional é que “ou se producen entre as caixas galegas ou se producen entre éstas e entidades foráneas, o que inevitabelmente conduciría á absorción das galegas”. Neste cenario, o líder do BNG afirmou que “entre a fusión das galegas e unha eventual destas con caixas de fóra que conlevasen a absorción das galegas, nós estamos claramente pola primeira opción”.
O BNG mantén a oferta de pacto a PP e PSOE baseado en dous eixos: manter a galeguidade das caixas e reformar a lei que as regula para democratizalasO Bloque Nacionalista Galego mantén, segundo lembrou o seu portavoz nacional “a oferta de pacto ás outras dúas forzas políticas con presenza no Parlamento”. Pacto que se basearía en dous grandes eixos “manter a galeguidade das caixas e reformar a lei que as regula para democratizalas e para garantir que o poder político galego poida participar na súa xestión en beneficio da economía produtiva do país”.
"O debate non é se temos unha ou dúas caixas neste País. O debate é que continúen a ser galegas ou non. E nós estamos porque continúen a ser galegas, porque manteñan aquí o seu centro de decisión, porque non haxa cesión da súa soberanía a entidades foráneas", esclareceu Guillerme Vázquez.
“Feijóo ten que abandonar a súa indefinición”, advertiu o portavoz nacional, “o Goberno galego debe liderar este proceso. E, por certo, xa vai sendo hora de que apresente o recurso de inconstitucionalidade que anunciou contra o FROB pola flagrante violación das competencias autonómicas”.
Encontro co comité de empresa de Alfageme
"O debate é que as caixas continúen a ser galegas ou non"O líder do nacionalismo galego fixo estas declaracións despois de manter unha reunión co Comité de Empresa da conserveira Alfageme e aproveitou para pronunciarse sobre a situación do sector pesqueiro e marisqueiro no noso país e subliñou que “á marxe da xestión de cada empresa, o realmente importante é a política pesqueira” e, neste sentido, referiuse concretamente á reforma pesqueira europea sobre a que a Xunta aínda nin sequera se pronunciou. Asemade, denunciou a importación de produtos foráneos, concretamente, o mexilón, un produto que na súa etiqueta nin sequera reflicte se provén das rías galegas ou de fóra.
Guillerme Vázquez falou da realidade de Vigo onde, tal e como denunciou, está a desaparecer o sector produtivo pesqueiro e ironizou dicindo que “xa só nos quedarán as exhibicións”, en clara referencia á “World Fishing Exhibition” que vén de celebrarse na cidade. O líder nacionalista reiterou que o BNG “non está dacordo co marco da destrución deste sector produtivo tan importante”.
O comité de empresa trasladoulle ao portavoz nacional do BNG a súa preocupación polo futuro da empresa conserveira e pola súa parte, o portavoz nacional e os deputados Carme Adán e Henrique Vieitez comprometéronse a presentar unha batería de iniciativas no Parlamento Galego para asegurar a permanencia da empresa.
"Se non se fan orzamentos por parte da Xunta que apliquen novas receitas económicas, a situación do paro vaise recrudecer"Paro
Tamén en resposta ás perguntas dos xornalistas ante as novas cifras do paro, que se fixeron públicas hoxe, Guillerme Vázquez dixo que “mentres se manteña a situación económica actual e se sigan aplicando políticas neoliberais, o drama de moitas familias en situación de paro non se vai resolver”. Neste sentido engadiu que “se non se fan orzamentos por parte da Xunta que apliquen novas rceitas económicas, a situación vaise recrudecer”.

