Cimeira BNG-ERC: o nacionalismo, alternativa ante un "bipartidismo estatal tocado pola crise"
Rolda de prensa de Guillerme Vázquez e Joan Puigcercós
No caso galego, Guillerme Vázquez aludiu as opinións dos dirixentes das caixas, feitas públicas nestes días, así como as do señor Rajoy ou Xosé Blanco, “mais seguimos sen saber cal é a opinión do señor presidente da Xunta”. Neste sentido, advertiu de que o BNG pensa seguir con este debate “aportando o que poidamos para acadar un fin último: que o centro de decisión das caixas non debe saír da Galiza”.
Neste debate, o portavoz nacional insistiu en que o presidente da Xunta “debe ter un papel fundamental, así como todas as forzas políticas”. Neste sentido advertiu de que “aparentemente, todos dicimos o mesmo, pero non estou seguro de que se estea falando dos mesmos plantexamentos”.
"Xogámonos, como país, demasiadas cousas, como para que corresponda a decisión aos directivos das caixas"Lei de caixas
Guillerme Vázquez lembrou o proxecto presentado polo BNG para reformar a actual lei de caixas e reafirmouse na necesidade de actuar un cenario marcado pola decisión do Banco de España de “reducir o número de caixas e anular a súa vinculación co territorio”.
Reunión entre Guillerme Vázquez e Joan Puigcercós
“Xogámonos, como país, demasiadas cousas, como para que corresponda a decisión aos directivos das caixas ou para que non se tomen decisións políticas coa suficiente valentía pensando só no porvir dese país”, concluíu.
“Os perigos de que se vaian os centros de decisión do País están aí e é o tempo de actuar fronte a iso”, advertiu o número un do nacionalismo galego, “despois será tarde laiarse”.
Puigcercós sobre as caixas
"As caixas son elementos fundamentais da economía produtiva do noso país"Pola súa banda, o líder de ERC coincidiu co portavoz nacional nos pontos en común existentes entre ambas formacións e advertiu de que “a vontade recentralizadora non é nova, en realidade non parou nunca. PSOE e PP consideran un erro a España das autonomías e a vontade de recentralizar é constante”.
Neste sentido, aludiu tamén ao FROB e explicou que no caso catalán “hai un peche de filas, mesmo co primeiro partido da oposición, para que as caixas catalanas permanezan en Catalunya e o seu centro de decisión fique en Catalunya e isto condicionou que todos traballaramos para que así sexa e as fusións son entre caixas catalás”.
Francisco Rodríguez con Joan Puigcercós e Guillerme Vázquez no Panteón de Galegos Ilustres
O líder catalán afirmou de xeito rotundo que as caixas “teñen unha función territorial e somos conscientes de que hai unha vontade por parte do goberno español e do primeiro partido da oposición de acabar con este modelo porque queren recentralizar este poder financeiro e en Catalunya pensamos que é un mal favor para calquer país non contar con caixas autocentradas no territorio”.
"ERC e BNG compartimos unha visión nacional da nosa situación, os nosos problemas e da solución que hai que darlles"Joan Puigcercós anunciou a intención do goberno catalán de “presentar recurso se non hai conciliación co goberno do Estado neste tema porque hai unha invasión competencial clara
Teitos competenciais
Tal e como indicou Vázquez, ambos os dous líderes nacionalistas son conscientes de que “as realidades de Catalunya e Galiza son diferentes, mais compartimos moitas cousas como unha visión nacional da nosa situación, dos nosos problemas e da solución que hai que darlles”.
Sobre a cuestión lingüística, que centrará a conferencia que Puigcercós ofrece este serán en Santiago, Guillerme Vázquez indicou que “está claro que ambas as dúas forzas defendemos as nosas linguas propias e comentamos a situación do noso País co ataque estremista do Partido Popular contra a lingua galega e a reafirmación da sociedade en defensa do galego que se explicitou de maneira clara o domingo, 18 de outubro”.
O número un do BNG afondou tamén en outros contidos da reunión como a necesidade de “dotarnos de maiores teitos e capacidades competenciais, de estarmos dispostos a autorresponsabilizarnos do noso futuro”.
Sobre a crise económica e as cifras do paro, así como da necesidade de dotármonos dun “outro modelo económico baseado na economía produtiva” falaron tamén os dous líderes nacionalistas que, segundo indicou o portavoz nacional coincidiron na necesidade de ter “unha economía autocentrada de maneira que o equilibrio social e territorial sexa unha das consecuencias do modelo económico que non impulsan os líderes estatais”.
“O nacionalismo é a alternativa ante un bipartidismo en crise que non dá solución ás necesidades e intereses dos nosos países”, concluíu o portavoz nacional.
Conflito lingüístico
En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre a actitude do PP ante a lingua e o seu ataque á política seguida desde o goberno catalán neste eido, o líder de ERC indicou que o PP “tenta enfrentar o que non existe: dúas comunidades lingüísticas”, ao tempo que advertiu de que en Catalunya “non se fala unha ou dúas linguas, senón 200, porque temos recibido máis dun millón de inmigrantes”.
O líder catalán contrapuxo a actitude do PP coa das forzas nacionalistas: “eles queren enfrentar e nós queremos unir, cohesionar a través da lingua común, a lingua propia que é o catalán ou o galego”.
Relacións BNG-ERC
En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre o futuro da relación entre ERC e BNG, Guillerme Vázquez lembrou que existen contactos entre estas dúas forzas nacionalistas desde hai tempo, que se teñen materializado na alianza na que ambas forzas concorreron ás últimas eleccións europeas.
O portavoz nacional manifestou a vontade do BNG de continuar con estes contactos e “profundizar nos intercambios de opinión”.
Pola súa banda, Joan Puigcercós asegurou que a ambas forzas úneas a “vontade de transformación social”, polo que apostou tamén por manter un intercambio de experiencias entre os grupos parlamentares do BNG e ERC.

