Ana Miranda trasládalle á Conselleira de Pesca a súa preocupación polo futuro do sector no noso País

A voceira do BNG en Europa participou nunha reunión con Rosa Quintana en Bruxelas

Bruxelas, 05 Novembro 09. A voceira do BNG en Europa, Ana Miranda, vén de participar nunha reunión coa Conselleira do Mar, Rosa Quintana á que tamén asistiron os eurodeputados galegos, Carmen Fraga e Francisco Millán Mon.

Despois dun longo encontro na Fundación Galicia Europa, Miranda afirmou que a política pesqueira que defende o Partido Popular segue mantendo esquemas que non contribúen ao mantemento e mellora dun sector estratéxico para o noso país.

Ana Miranda asegurou que, a pesar da boa vontade da Conselleira do Mar na resolución dalgúns problemas que padece este sector, o Goberno galego debería asumir posturas como a de defender “unha posición propia e galega en materia de pesca na Unión Europea"

Neste sentido, a nacionalista afirmou que "ou o facemos agora ou nunca" e, de ser así, debemos implicar ao sector , ás administracións, organizacións políticas, sectoriais e medio ambientais, porque senón- afirmou- “a  nova reforma da Política Pesqueira Común deixará novamente a Galiza nunha posición desvantaxosa e discriminada”.

Miranda abondou na necesidade prioritaria de defender que “Galiza sexa considerada Zona Altamente Dependente da Pesca polas autoridades comunitarias, e para conseguilo -dixo- compre facer unha forte presión institucional”
 
En relación co saneamento das rías, o BNG insistiu en que éste debe ser integral e lembrou casos como as rías de Vigo, Coruña e Corcubión, que por mor da falla integral de saneamento e a contaminación, vénse afectados os seus recursos marisqueiros.
 
O BNG discrepou da posición da Xunta trasladada hoxe ao máximo responsábel de pesca comunitario, sobre a acuicultura, xa que na instalación de plantas de piscifactoría industrial, como a que se está tentando instalar en Touriñán,-explicou Miranda-, o BNG considera que o Goberno galego está a financiar unha gran empresa no canto de potenciar o marisqueo da zona e crear novos empregos noutros sectores na comarca, e non a instalación dun macroproxecto que destruiría unha zona protexida pola rede Natura.

Galiza, zona altamente dependente da pesca

Miranda conminou á titular de pesca a defender o futuro do sector pesqueiro galego a través de políticas propias baseadas nas súas potencialidades, a fin de pór en valor as extraordinarias condicións do noso litoral e da experiencia da flota de altura e de grande altura.

Neste sentido, engadiu que os criterios que deben prevalecer ante esta situación deben ter como obxectivo a defensa da actividade produtiva no noso litoral e noutros mares nos que Galiza posúa intereses pesqueiros, a transferencia a Galiza das competencias en materia de pesca, que sexa considerada zona altamente dependente da pesca, a mellora da comercialización dos produtos pesqueiros, a significación das condicións de traballo e as prestacións sociais das traballadoras e traballadores do mar.

Pola súa parte, a Conselleira do Mar trasladoulle aos asistentes a este encontro as cuestións que previamente tratara co Comisario de Pesca da UE, Joe Borg e comprometeuse a defender o tratamento especifico da pesca artesanal e marisqueo.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]