Guillerme Vázquez advirte do "perigo real" de que o centro de decisión das caixas saia do país e urxe a Feijóo a actuar
“Ou fusión xa, ou alianza xa, ése é o escenario que temos”, afirmou
A Coruña, 5 Novembro 09. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou hoxe nunha conferencia no Clube Financeiro da Coruña que Galiza vive “unha dupla crise económica e política” e puxo como exemplo deste feito constatado a cifra de case 210.000 parados rexistrados e a imposibilidade de que o noso País conte cun Novo Estatuto.
O líder nacionalista referiuse asemade aos orzamentos da Xunta e do Estado indicando que “non van axudar a paliar esta crise” e aproveitou para amosar a preocupación do BNG polo futuro das caixas galegas.
“Estamos moi preocupados polo panorama actual coa renuncia do presidente da Xunta a manter unha posición política neste asunto” e, neste sentido, emprazouno a “que tome unha decisión, porque temos que saber se a sociedade galega e o poder político están por que o centro de decisión das caixas quede no País ou non”.
O líder do BNG asegurou que, na actualidade, só hai dúas opcións: “ou se fusionan as caixas galegas ou acaban aliándose nunha fusión fría”, ao tempo que se referiu ás intencións expresadas por caixas galegas de manter contactos con entidades de fóra do País.
“Existe o perigo real de que o centro de decisión das caixas saia de Galiza”, insistiu, “ou fusión xa ou alianza xa. Ése é o escenario que temos”, concluiu.

