O BNG chama a unha participación masiva na manifestación convocada este sábado en Vigo polos familiares dos mariñeiros do Alakrana

Santiago de Compostela, 6 Novembro 09. O Bloque Nacionalista Galego fai un chamamento á sociedade galega a que secunde de xeito masivo a manifestación convocada para mañá sábado en Vigo polos familiares dos tripulantes do Alakrana.

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asistirá a esta marcha -na compaña de numerosos cadros e militantes nacionalistas- para expresar a súa solidariedade cos familiares dos mariñeiros galegos que se achan en poder dos piratas somalíes.

"O traslado dos dous piratas a Madrid foi unha torpeza que agora complica a resolución do conflito"En declaracións feitas esta mañá en rolda de imprensa, o líder do BNG chamou a deixar esta cuestión fóra da confrontación partidista, mais ao tempo instou ao Goberno a que se mova coa maior dilixencia posíbel para pór fin a este pesadelo, “desde a perspectiva de que o único importante é preservar a integridade física dos mariñeiros”.

O portavoz nacional non dubidou en cualificar de “erro” o traslado de dous dos piratas somalíes a Madrid para seren postos a disposición da Audiencia Nacional. “Evidentemente foi unha torpeza que agora complica a resolución do conflito. En calquera caso, con vontade política é posíbel achar unha solución que se traduza na liberación dos tripulantes do Alakrana”.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]