Manifestación do Alakrana: Guillerme Vázquez apela á “vontade política para chegarmos ao desenlace que todos desexamos”
Vigo, 7 Novembro 09. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, concedeu unhas breves declaracións aos meios ao comezo da multitudinaria marcha que esta tarde se celebrou en Vigo en solidariedade cos familiares dos tripulantes do Alakrana.
“Hai que redobrar os esforzos para conseguirmos a liberación, sans e salvos, dos mariñeiros. Ese é o único obxectivo e o único que nos debe preocupar a todos e todas”, afirmou o portavoz nacional, quen encabezaba unha ampla delegación de cargos do Bloque Nacionalista Galego (os deputados Henrique Vieitez, Carme Adán e Bieito Lobeira; o tenente de alcalde da cidade, Santiago Domínguez; o concelleiro Eudosio Álvarez e a concelleira e membro da Executiva Nacional María Méndez).
“Coa nosa presenza aquí queremos testemuñar a nosa solidariedade coas familias dos tripulantes do Alakrana e queremos transmitirlles todo o noso afecto. Que saiban que non estan sos”, dixo.
Afirmou que “con vontade política e imaxinación” pódense “remover todos os obstáculos que existen para chegarmos ao desenlace que todos e todas desexamos”.

