O portavoz nacional afirma que o desmantelamento das oficinas de I+B demostra que o Executivo Feijóo é "un Goberno antisocial"
Santiago de Compostela, 20 Novembro 09. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou hoxe en rolda de imprensa que o desmantelamento das oficinas de Igualdade máis Benestar “demostra que o Executivo Feijóo é un Goberno antisocial”.
O líder nacionalista mantivo esta mañá na Sede Nacional unha reunión coas presidentas dos comités de empresa das oficinas de I+B das provincias de A Coruña e Pontevedra e co dirixente da CIG Anxo Louzao.
O BNG anuncia o seu apoio á folga convocada polos traballadores para o día 24
“Queremos transmitir o noso apoio aos traballadores e ás traballadoras”, dixo o portavoz nacional, quen lembrou que o BNG ten rexistado diversas iniciativas no Parlamento Galego denunciando o desmantelamento das oficinas e o despedimento de 61 traballadores.
“Partillamos a preocupación dos comités de empresa ante a estratexia do PP de eliminar unha entidade que viña prestando servizos sociais moi úteis a concellos que por eles mesmos non teñen capacidade de provelos aos cidadáns, nomeadamente no meio rural”, afirmou Guillerme Vázquez, quen se perguntou se o PP ten “algunha alternativa” distinta ao “desmantelamento puro e duro”.
A TENTACIÓN PRIVATIZADORA
“Non se ve por ningures que teñan unha alternativa que garanta o mantimento dos servizos que veñen prestando estas oficinas e tamén dos postos de traballo”, enfatizou, ao tempo que advertiu ao PP “que non caia na tentación de ir por unha vía privatizadora”.
“O PP repite como un mantra que ten preocupación social. Pero é falso. O que fai na práctica é desmantelar servizos e reducir o investimento en educación e sanidade. O Goberno Feijóo é un Goberno antisocial”, recalcou.
Denunciou especificamente que “en plena crise económica, e co paro desbocado, a Xunta de Galiza se dedique a despedir traballadores” e instou ao Goberno a que “dea marcha atrás e rectifique”.
O portavoz nacional anunciou o apoio ás mobilizacións convocadas polos traballadores, unha folga en concreto, para o día 24 deste mes.

