O BNG apresenta unha moción para que os concellos se pronuncien unanimemente a favor da galeguidade das caixas
Santiago de Compostela, 22 Novembro 09. O Bloque Nacionalista Galego vai apresentar nos concellos unha moción, que se achega, para instar á Xunta de Galiza a que faga uso das súas competencias e garanta que o centro de decisión das caixas de aforro fique en Galiza.
A moción, que os grupos municipais do BNG levarán ao Pleno dos distintos concellos galegos, pretende tamén instar ao Parlamento Galego a que elabore unha nova lei de caixas que cando menos contemple os seguintes obxectivos: que garanta o seu carácter público, a democratización dos seus órgaos de goberno, o seu compromiso coa economía produtiva e coa criazón de emprego en Galiza, e a orientación da súa obra social para satisfacer as necesidades reais e culturais do noso pobo.
O BNG afirma nesta moción que “a situación actual de recesión económica e de dificuldades financeiras” torna necesaria “a intervención por parte dos poderes públicos galegos na adopción dunha estratexia por parte das caixas de aforro galegas de apoio decidido aos sectores produtivos galegos, ás empresas que producen e crean valor en Galiza e, en xeral, a contribuír ao impulso da economía produtiva do país”.
Para a formación nacionalista, “cómpre, polo tanto, máis que nunca a coordinación da política crediticia e de investimentos das caixas de aforro galegas, orientándoas a fortalecer os lazos co tecido empresarial galego e apoiar o financiamento dos sectores económicos estratéxicos, así como a xeración de emprego”.
NA PROCURA DO CONSENSO
O BNG propón un consenso ás outras forzas políticas que se manifeste tamén en pronunciamentos unánimes dos concellos galegos sobre a necesidade de que as caixas galegas continúen sendo galegas e non sexan absorbidas por entidades foráneas.
Fai falta, neste sentido, estabelecer unha “posición común” en defensa da “galeguidade das caixas de aforro” e na perspectiva de “salvagardar as competencias exclusivas que sobre as caixas de aforro se recoñecen no Estatuto de Autonomía”.
O BNG demanda, en todo caso, unha nova regulación das caixas de aforro que permita “a Autonomía, e a adoptar decisións sen demora que garantan a solvencia das caixas galegas e a recuperación do seu papel de canalización do aforro galego cara os sectores vitais da nosa economía produtiva.

