Guillerme Vázquez pide a Feijóo que "actúe como presidente" e non se agache tras os executivos das caixas e o Banco de España

Santiago de Compostela, 23 Novembro 09. “Non compartimos a tese de Núñez Feijóo segundo a cal a decisión inicial sobre o futuro das caixas corresponde aos executivos destas entidades e a decisión final, ao Banco de España. Se iso fose así, para que está o presidente da Xunta? Cal é a súa función?”, dixo esta mañá en rolda de imprensa o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez.

Feijóo, alegou o dirixente nacionalista, ten que asumir as súas responsabilidades e non desprazalas nen aos executivos das caixas nen ao Banco de España.

O líder nacionalista compareceu perante os xornalistas na compaña de Ahmedu Mojtar, delegado sahariano para Galiza, logo de manter con el un encontro en que se analisou, entre outras cuestións, a situación da activista do Frente Polisario Aminetu Haidar.

Interpelado polos xornalistas sobre a cuestión das caixas, o portavoz nacional expresou o seu desexo de que este mércores, na reunión entre os tres líderes galegos, o presidente da Xunta “non se limite simplesmente a escoitar ou a constatar as dificuldades que existen no escenario”.

Guillerme Vázquez agarda que na reunión do mércores Feijóo non se limite a constatar que "todo é moi difícil"“É hora de que actúe como presidente e que achegue solucións. Hai posibilidades reais de que se acade unha solución satisfactoria para os intereses de Galiza e para que o centro de decisión das caixas fique no País. Agardamos máis firmeza e máis decisión”, enfatizou o portavoz nacional.

Guillerme Vázquez introduciu un novo aspecto no debate: “Nos consellos de administración e nas asembleas xerais das caixas hai tamén representantes de institucións públicas. Teñen todos cor política. Se hai un compromiso das forzas políticas galegas, o lóxico é que tamén eles se pronuncien ao respecto”.

CHAMADA AO CONSENSO

O compromiso das forzas políticas galegas -expresado no apoio unánime do Parlamento Galego á moción do BNG- é o que procurará conseguir o portavoz nacional na reunión do mércores con Feijóo e Manuel Vázquez.

“Para avanzar cara a ese consenso, temos unha magnífica oportunidade este martes, cando se debata en Pleno a proposición do BNG para a reforma da lei de caixas. Tamén sería útil nesta mesma dirección que o presidente da Xunta apresentase o anunciado recurso de inconstitucionalidade contra o FROB”, razonou o portavoz nacional.

Para Guillerme Vázquez, en todo este asunto o presidente da Xunta “xógase a súa credibilidade”. Resumiuno así: “Ou aposta por unha saída galega que garanta a plena galeguidade do noso sistema financeiro ou a credibilidade do señor Feijóo como presidente ficará gravemente en entredito”.

fresqui  delicious  digg  technorati  yahoo  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]