O portavoz nacional demanda a Moratinos que exixa a Marrocos a devolución do pasaporte á activista sahariana Aminetu Haidar
Un momento da reunión do portavoz nacional co delegado do pobo sahariano en Galiza, Ahmedu Mojtar
O líder nacionalista e o portavoz do Frente Polisario compareceron de xeito conxunto unha conferencia de imprensa que se centrou basicamente na situación da activista sahariana Aminetu Haidar.
“Estanse a vulnerar os seus lexítimos dereitos”, comezou por dicer Guillerme Vázquez, quen condenou con enerxía “a escalada represiva de Marrocos”.
“Non compartimos para nada a posición do Goberno español”, engadiu e, xa en alusión concreta ao ministro Moratinos, afirmou que “non se pode limitar a culpabilizar a Aminetu, ten que exixir a Marrocos que lle devolva o pasaporte, ten que demandar con firmeza que lle sexan restituídos todos os seus dereitos”.
“A iso tería que dedicarse Moratinos e non a criar confusión na opinión pública”, alegou.
CLARO APOIO Á CAUSA POLISARIA
O portavoz nacional reafirmou a posición histórica do nacionalismo galego de “claro apoio” á causa sahariana.
“Estamos ante un conflito que só se pode resolver mediante o exercicio do dereito de autodeterminación. É un escándalo político que levemos máis de tres décadas así. Hai un referendo pendente e esa é a vía pacífica e democrática de resolución do conflito. A comunidade internacional ten que ser moito máis activa á hora de criar as condicións que permitan a celebración dese referendo”, defendeu o portavoz nacional, quen chamou a presionar politicamente ao Goberno marroquino “para que se vexa obrigado a cesar na súa atitude represiva e contraria ao libre exercicio dos dereitos democráticos do pobo sahariano”.

