"Só apoiaremos unha fusión ou alianza galega", afirma Guillerme Vázquez após a cimeira dos líderes

Santiago de Compostela, 25 Novembro 09. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, mostrouse esta mañá “satisfeito” de que se abra “unha posición de País sobre as caixas galegas” e, nese sentido, anunciou que o BNG apoiará o presidente da Xunta de Galiza “sempre e cando o Goberno galego aposte porque o centro de decisión fique en Galiza”.

O líder nacionalista pronunciouse nestes termos ante os xornalistas logo de se reunir por espazo de dúas horas e media co presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo e co secretario xeral do PSdeG-PSOE, Manuel Vázquez.

O secretario xeral do PSdeG, o presidente da Xunta, a conselleira de Facenda e o portavoz nacional

"Teño a convicción de que non é posíbel nengunha solución distinta á que acordemos as forzas políticas galegas"“Satisfainos muitísimo que se abra unha posición de País arredor das caixas galegas. Sempre advogamos polo consenso entre as tres forzas políticas sobre esta cuestión. Un consenso que hai que construír sobre dous principios básicos, que o centro de decisión fique en Galiza e que se acelere a tramitación da proposición de lei de caixas impulsada polo BNG para garantir a capacidade de intervención do Goberno galego na súa xestión”, afirmou o líder nacionalista.

A fusión galega -pola que se decantou abertamente o portavoz nacional- abrirase paso necesariamente se “as tres forzas políticas, en representación da sociedade, consensuamos unha posición de País”. E engadiu: “Teño a convicción absoluta de que non é posíbel nengunha solución distinta á que acordemos entre nós as forzas políticas galegas”. Na súa opinión, os executivos das caixas “teñen que dicir, pero non que decidir”. “Quen ten que decidir é Galiza, nen os executivos das caixas nen o poder central nen o Banco de España”, alegou.

“Se hai unha posición conxunta das forzas políticas galegas, faremos posíbel que Galiza sexa quen decida. A folla de rota non a poden marcar as caixas”, enfatizou.

Un momento da reunión dos tres líderes galegos

"É evidente que ao final o presidente da Xunta terá que tomar unha decisión. Se é a favor da fusión galega, o apoiaremos; se non, non"ACORDO DE DAR IMPULSO Á MOCIÓN E Á PROPOSICIÓN DO BNG

Os tres líderes compareceron conxuntamente perante a imprensa e deron conta de que acordaron daren cumprimento á moción do BNG aprobada polo Parlamento Galego nesta materia (que mandata ao Goberno para que garanta que o centro de decisión fique en Galiza), aceleraren a tramitación da proposición (tamén do BNG) para reformar a lei de caixas e finalmente que calquera solución se faga tendo en conta os criterios de galeguidade e solvencia.

De igual maneira, concordaron en que o presidente do Goberno galego dará a coñecer a súa posición definitiva sobre o futuro das caixas logo de convocar unha nova reunión dos tres líderes políticos para avaliaren a resposta destas entidades á proposta que lles entregou onte a conselleira de Facenda.

Manuel Vázquez abandona a sala, mentres Guillerme Vázquez departe co presidente da Xunta

“Ficamos emprazados para unha nova reunión e a partir daí é evidente que o presidente da Xunta finalmente terá que tomar unha decisión. Se esa decisión vai na dirección de garantir que o centro de decisión fique en Galiza, a apoiaremos; se esa dirección vai por outros derroteiros distintos a ese, non a apoiaremos”, desvelou o portavoz nacional.

fresqui  delicious  digg  technorati  yahoo  meneame  chuza 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]