"O consenso sobre as caixas estase a construír arredor das propostas do BNG"

Pontevedra, 26 Novembro 09. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, mantivo hoxe un encontro institucional co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernan Lores, ao termo do cal realizou declaracións aos medios.

Interpelado polos xornalistas, o líder nacionalista valorou positivamente a reunión co presidente da Xunta e o secretario xeral do PSdeG-PSOE.

"A Posición de País que promove o BNG debe prevalecer sobre o deseño privatizador do Banco de España"Na súa opinión, a Posición de País que “a iniciativa do BNG se está a construír entre as tres forzas políticas galegas” debe “prevalecer” sobre os “deseños privatizadores e contrarios ás competencias autonómicas” do Banco de España.

“Se as forzas políticas galegas acordamos unha posición común, podemos conseguir que os centros de decisión fiquen en Galiza. Porque detrás das forzas políticas está a forza da sociedade”, argumentou.

Miguel Anxo Fernan Lores e Guillerme Vázquez compareceron conxuntamente ante a imprensa

BANCARIZACIÓN

Recalcou que o deseño do Banco de España vai nunha clara dirección de “bancarización” das caixas, no horizonte da “súa privatización”. “Isto vén derivado dunha decisión tomada polo Goberno central através do famoso FROB, cos votos favorábeis do PP, e que ten como norte reducir o número de caixas e eliminar as competencias das comunidades autónomas”.

“Nós estamos xusto traballando na dirección contraria: na de fixar as caixas ao territorio, dar máis poder político ao Goberno galego para garantir que funcionen ao servizo da economía produtiva do País e, por suposto, conxurarmos calquer risco de privatización”, esclareceu o líder nacionalista.

“Benvido sexa o consenso”, afirmou sobre a aprobación por unanimidade da proposición de lei do BNG sobre as caixas, “pero modestamente teño que dicir que o consenso se está a construír sobre a base das propostas e iniciativas do BNG: a moción, a proposición de lei, a petición de que a lei se tramite por procedimento de urxencia e mesmo a proposta de reunión dos tres líderes políticos”.

APAGÓN INVESTIDOR EN PONTEVEDRA

Polo demais, portavoz nacional e alcalde concordaron en denunciar o que cualificaron de “apagón investidor” da Xunta de Galiza na cidade. “Os orzamentos galegos para 2010 non dan resposta á crise nen para o País nen para Pontevedra e ademais desprenden un claro tufo privatizador”, afirmou o portavoz nacional, para quen a posición do Goberno galego sobre o Hospital de Pontevedra representa unha clara “fuxida cara adiante”.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]