Miranda leva a Bruxelas as denuncias do audiovisual galego ante a ameaza de paralización da industria do cinema
Bruxelas, 25 Novembro 09. A voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, vén de apresentar unha pergunta, através do Grupo Verdes-ALE, na que reclama da Comisión Europea a revisión de incompatibilidade coa normativa europea das axudas da Lei do Cinema que pretende impulsar o Goberno español a través do Ministerio de Cultura.
O BNG ampara con esta iniciativa en Bruxelas as dúas denuncias formuladas pola Coordinadora de Asociacións Profesionais do Audovisual Galego integrada por ATEGA (Asociación de Técnicos de Galicia do Audiovisual), AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia) e AGAG (Asociación Galega de Guionistas) dirixidas á Dirección Xeral da Competencia da Comisión Europea e á Comisaria de Sociedade da Información e Media Viviane Reding.
Na iniciativa apresentada no Parlamento Europeo, a voceira nacionalista afirma que “este proxecto de Real Decreto do Goberno español, que desenvolverá a Lei do Cinema, afástase das exixencias da Comisión Europea por estar de costas ao espírito da Diversidade Cultural que pretende impulsar a UE.”
Ana Miranda explicou que o réxime de axudas ao cinema que vai promover o Goberno español non respeita o plurilingüismo que existe no Estado e concretamente referíuse á creación cultural da industria audiovisual galega que se verá abocada a unhas condicións de difícil competencia.
Por outra parte, Ana Miranda tamén denuncia que o denominado ‘test cultural’, de cumprimento obrigatorio para a compatibilidade das axudas de Estado coa normativa comunitaria, será substituido pola declaración de nacionalidade da obra, dando por bon -dixo- que “o feito de que unha película sexa declarada de produción española xa fai que se una automáticamente á cultura dese Estado e, polo tanto, se converta nunha obra de interese artístico, cultural ou social para este Estado”.
Esta iniciativa vén a sumarse ás xa presentadas polo Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galiza e Congreso dos deputados por Ana Pontón e Francisco Jorquera respectivamente.

