O BNG cuestiona a privatización enmascarada dos servizos públicos

Rolda de prensa de Guillerme Vázquez e Francisco García

Santiago de Compostela, 21 Decembro 09. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, explicou en rolda de prensa que a fórmula do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en colaboración cos concellos, é a única que pode garantir a prestación dos servizos sociais e, sobre todo, no ámbito rural. “Opoñémonos ao desmantelamento das políticas sociais impulsado polo Partido Popular”, explicou Vázquez, “daremos a batalla institucional e apoiaremos as mobilizacións dos traballadores nas súas xustas reivindicacións”, engadiu.

“O Partido Popular non ofrece con este modelo de xestión unha alternativa para garantir a equidade nin a profesionalidade dos centros de servizos sociais”, afirmou o portavoz nacional, pois “enmascara a privatización dos servizos públicos negando evidencias que, como San Pedro, nega tres veces e invéntase fórmulas creativas para a contratación privada dende a xestión pública”, afirmou Vázquez.

Pola súa parte, o vicepresidente da FEGAMP, Francisco García, lembrou que dende que entrou no goberno da Xunta o Partido Popular, no pasado mes de abril, aínda non foi capaz de abrir 14 novos centros de día que están preparados para atender a terceira idade, ademais de ter 18 en construción, froito de acordos previos cos concellos, que cederon os terreos. “A fórmula que propoñen fomenta a precarización e a diminución da calidade dos servizos sociais, baixo a premisa do aforro, como xa fixeron coas galescolas e cos centros día”, explicou Francisco García.

“Dende o BNG entendemos que a rede pública de servizos sociais debe ser acorde co grao de envellecemento e dispersión poboacional, negociando fórmulas modernas, intelixentes e de cooperación entre o Consorcio e os concellos; pero de momento só se está dilatando a apertura de novos centros para buscar a súa privatización, sen contar cos concellos”. “Demandamos que se presente canto antes o orzamento do Consorcio para 2010 e se contemple a apertura directa e con calidade destes equipamentos previstos”, engadiu García.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]