Aclaración remitida por Francisco Jorquera a varios xornais sobre o sentido de voto do BNG ante os Orzamentos do Estado 2010

Prezado director:


En relación coa información publicada hoxe sobre o sentido de voto do BNG nos Orzamentos Xerais do Estado para 2010 quero manifestar que esta en absoluto se corresponde á realidade.

O BNG reiterou onte o seu rexeitamento aos Orzamentos Xerais do Estado porque entendemos, tal e como puxemos de manifesto na nosa intervención, que teñen unhas liñas desacertadas para facer fronte á crise. En concreto, criticamos que baixe o investimento produtivo en I+D+i e en gasto social non regulado; consideramos desacertados os cambios impositivos que concentran a recadación fiscal nas rendas medias e baixas e advertimos de que a suba do IVE penalizará o consumo e atrasará a recuperación económica. Ademais, denunciamos que por primeira vez en dez anos, baixa o investimento do Goberno Central en Galiza.


Onte no Pleno do Congreso dos Deputados só se votaron as emendas introducidas polo Senado ao Proxecto de Orzamentos e o BNG só apoiou esas emendas porque introducen melloras para Galiza.


Polo tanto, no Pleno de onte non houbo unha votación á totalidade dos orzamentos. Cando se debateron os orzamentos na súa totalidade o BNG presentou emenda de devolución e votou a favor da devolución dos mesmos polos motivos que antes explicamos. Así, no Pleno do Congreso do 20 de outubro o BNG votou en contra e defendeu a súa emenda a totalidade. E posteriormente, no Pleno do Congreso dos Deputados do 11 de novembro o BNG de novo votou en contra do ditame dos Orzamentos do Estado para 2010 despois de estes pasasen por comisión.


Xa que logo, onte o Congreso só se pronunciou sobre as emendas introducidas polo Senado e o BNG reiterou que a súa posición favorábel a esas emendas non cambiaba o seu rexeitamento aos orzamentos na súa globalidade.

Por estes motivos, e en aras do rigor informativo que caracteriza o seu periódico, pídolle que corrixa esa información que non se axusta á realidade e induce a equívocos.


Un cordial saúdo: Francisco X. Jorquera Caselas

Portavoz do BNG no Congreso dos Deputados.


PD: Adxúntolle transcrición da miña intervención, recollida no Diario de Sesións, e estas ligazóns onde se manifesta claramente a posición do BNG no debate á totalidade de onte:


http://www.bng-galiza.org/opencms/opencms/BNG/parlamentodoestado/contidos/novas/novas/nova_0534.html


http://www.bng-galiza.org/opencms/opencms/BNG/parlamentodoestado/contidos/novas/novas/nova_0548.html

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]