A Lei de caixas protexerá os intereses locais na medida en que garanta a vinculación co territorio

Francisco García

Santiago de Compostela, 23 Decembro 09. O vicepresidente da Fegamp, Francisco García, valorou positivamente o texto da Lei de caixas aprobado no Parlamento e así o comunicou na reunión mantida hoxe coa conselleira de Facenda. “O texto da Lei de caixas de aforro mantén unha presenza adecuada das corporacións locais, dun 20% e dun 10% máis no caso dos fundadores, e facilita a transparencia nos órganos de dirección das caixas de aforro galegas, ademais de fomentar a representación profesional, pero mantén a capacidade de designación das entidades locais ”, sinalou.

“A Lei de caixas en tramitación é unha lei das caixas de aforro de Galiza, sen localismos, e na medida en que se garanta a galeguidade das caixas e a tutela da Xunta de Galiza, estarán protexidos os intereses locais”, destacou. Isto non acontece coas iniciativas acometidas polo Goberno central ao aprobar o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), onde ten protagonismo exclusivo o Banco de España, sen participación das comunidades autónomas nin dos concellos. O FROB convértese así nun instrumento para avanzar cara á bancarización das caixas, que invade as competencias das comunidades autónomas.

Francisco García sinalou que o BNG defende “un modelo de participación da Administración pública galega na xestión das caixas, para garantir que o aforro dos galegos e das galegas sirva prioritariamente para financiar a actividade produtiva no noso País e, nesa medida, os concellos estarán representados”.

O BNG valora positivamente que o texto da Lei de caixas conteña vinculacións co territorio, ademais de que a política de crédito e o investimento das caixas vaian orientados aos sectores estratéxicos da economía galega e ás necesidades de benestar, o que permitirá unha colaboración máis estreita cos concellos do País.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]