O BNG aposta por un modelo que incentive a economía produtiva, fronte ao proposto por El-Rei na mensaxe de Nadal
Guillerme Vázquez
Non estamos de acordo con que “as lexítimas diferenzas ideolóxicas resten enerxías ao logro dos consensos que piden os cidadáns”, pois cremos que xustamente esa distinción é necesaria para garantir o pluralismo político e os dereitos como pobo con autogoberno.
“Sinálase o precepto de aplicar a forza da unidade, do diálogo e do compromiso, nun marco de respecto á Constitución, aínda que non fai alusión á diversidade nacional existente no Estado, sobre todo no que atinxe a aspectos lingüísticos e culturais”, explicou Guillerme Vázquez.
Emprego
No relacionado coa crise económica e co paro, o portavoz nacional do BNG sinalou que defende “outro modelo económico baseado na economía produtiva e non especulativa, logo de atravesar as consecuencias dun modelo neoliberal fracasado, e agora cómpre facerlle fronte á crise do sector pesqueiro e do sector lácteo, con políticas comprometidas e decididas para buscarlle unha solución de futuro”. Fronte á proposta do Rei de contar “cun tecido produtivo cada vez máis innovador, competitivo e activo no mundo”, o BNG reclama tamén medidas efectivas para a flota galega e para as pequenas e medianas explotacións agrarias, abocadas a unha reestruturación a causa da crise, cando son piares básicos e estratéxicos da economía do noso País.
Coincide coa mensaxe do Rei no reto de poñerlle fin ao desemprego, garantindo a máis alta protección social a quen o padece. Está de acordo tamén en traballar conxuntamente na mesma dirección, para adoptar medidas, lograr acordos entre as forzas políticas, económicas e sociais que permitan, por un lado, asegurar a maior solidariedade e, por outro, acometer as reformas precisas co fin de conseguir unha inminente recuperación nun clima de seguridade e confianza.
O BNG concorda, así mesmo, en que non se poden escatimar esforzos a favor da igualdade de oportunidades, na loita contra a exclusión e a marxinación social.
Política exterior
Guillerme Vázquez amosou o seu desacordo coa presenza do Exército en Afganistán, cos reiterativos envíos de tropas que manteñen unha loita de intereses xeoestratéxicos de carácter internacional, da que forma parte o Estado español.
Para o BNG, a mención á Presidencia da Unión Europea, nun momento no que se van tomar medidas de importancia para o seu futuro, debe contar cunha orientación cara ás políticas sociais e que garanta o pluralismo político e cultural, no que os intereses de Galiza se vexan representados.

