O BNG organiza no Obradoiro un acto reivindicativo das seleccións deportivas galegas
Santiago de Compostela, 26 Decembro 09. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participará o vindeiro luns, acompañado por membros da dirección, no acto reivindicativo das seleccións deportivas galegas organizado polo BNG, logo de que o Goberno do Partido Popular rexeitase ofrecer apoio institucional á celebración destes encontros recuperados na pasada lexislatura pola Consellaría de Cultura e Deporte, dirixida polos nacionalistas.
O BNG pretende, mediante este acto, que Galiza estea presente en eventos deportivos de máximo nivel, ademais de reivindicar que os equipos nacionais teñan o respaldo necesario para a súa promoción. Así, considérase preciso continuar coa aplicación de políticas de fomento da identidade no deporte. Para o BNG, Feijóo iniciou un proceso involutivo ante os pasos dados polo anterior Goberno para outorgarlle a estes encontros deportivos a relevancia social requirida e o seu papel de reafirmación da identidade colectiva.
O acto que se celebra o vindeiro luns ás 12:00 na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, contará co apoio de diversos deportistas e seareiros que queren manter este espírito participativo ligado ao orgullo de País, ademais de reivindicar o dereito a ter seleccións propias, nas distintas disciplinas, ligadas ao noso territorio, como acontece en boa parte das comunidades e países, que constitúen unha forma máis de amosar os sinais de identidade.
Diversos deportes, tanto en categorías masculina como feminina, xa teñen selección e son activos participantes nos encontros celebrados representando o noso País. Agora demandan apoio institucional, igual que algunhas federacións punteiras en competicións internacionais que non poden ir baixo as cores distintivas de Galiza ao carecer de cobertura oficial. Coa negativa do Goberno do Partido Popular a apoiar a consolidación das seleccións galegas, néganse oportunidades para os deportistas do noso País.
Para o BNG foi un feito histórico que Galiza volvese contar dende 2005 cunha selección galega de fútbol, constituída por vez primeira no ano 1922 e despois de que a ditadura franquista interrompese o calendario de partidos disputados, entre outros, con Castela, Lisboa, Sevilla ou Asturias; tras os diversos intentos por recuperar esta afección nas últimas décadas.
Neste sentido, o BNG aposta por apoiar e manter activas as seleccións deportivas galegas, como sinais de identidade nacionais, co obxectivo de que poidan competir en igualdade de condicións con outras comunidades ou países. Isto contribuirá a dar a coñecer deportistas que representan a Galiza alá onde vaian, así como a brindarlles novas oportunidades de participar en encontros internacionais.

