"A nova Lei de Caixas está a anos luz da vixente", di Guillerme Vázquez
Santiago de Compostela, 28 Decembro 09. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, expresou esta mañá a súa convicción de que a nova Lei de Caixas, promovida pola formación nacionalista no Parlamento Galego e que este martes se votará no Pleno, está “a anos luz en sentido positivo” da actualmente vixente.
Interpelado polos meios de comunicación a este respecto ao remate do acto de reivindicación das seleccións galegas, o líder do BNG considerou “lexítima” a posición do PSOE, se ben engadiu que esta se funda en “criterios” que “desde logo” deberá “explicar á sociedade galega”.
"Os que se apuntan ao liberalismo estremo teñen que explicar que é o que conduciu á crise financeira internacional""O que podemos lamentar se acaso é que non se sume ao consenso xeral que nós pensamos que é posíbel e que é bon para o País”, engadiu. “Nós estivemos polo consenso desde o principio e desde logo houbo posibilidades de achegar posicións en moitos temas”, esclareceu.
A xuízo do líder do BNG, parece “difícil” non sumarse a “esa posición xeral”, pero en calquer caso “cada quen explicará a súa posición como crea conveniente”.
UN POSICIONAMENTO OBXECTIVÁBEL
En relación a se o posicionamento do PSOE galego está condicionado por Madrid, o portavoz nacional foi moi claro: “Non vou dicir nada que non sexa obxectivábel. A posición do PSOE galego está á vista de todos. Os avances e retrocesos, as marchas para adiante e marchas para atrás, son obxectivábeis, non son un problema de valoración subxectiva. Están nos meios de comunicación”.
Para Guillerme Vázquez, a ninguén se lle escapa que a “posición do grupo socialista aquí coincide coa que defende o seu partido en Madrid”. “Hai un desexo do poder central, do que participa naturalmente o grupo socialista, e que en esencia apunta cara á deslocalización das caixas e á súa posterior bancarización”, alegou.
A nova Lei de Caixas, que é unha iniciativa do BNG, vai permitir que o “poder político como expresión do poder democrático da cidadanía” teña “algo que dicir” nen máis nen menos que “na orientación do aforro dos galegos e das galegas cara á economía produtiva do País”.
Criticou o portavoz nacional as posicións de “liberalismo estremo” dos que atacan a Lei por intervencionista. “Xa vimos cara a onde nos levou a teoría de deixar facer todo aos supostos técnicos: á maior crise financeira desde 1929”.

