Interparlamentar: o BNG está a levar a "iniciativa política" e a condicionar "a axenda"
Santiago de Compostela, 30 Decembro 09. A Comisión Interparlamentar do BNG reuniuse esta mañá na Sede Nacional para facer balanzo do traballo neste curso político e abordar as tarefas políticas para 2010.
Durante un receso da reunión, compareceron perante os meios Guillerme Vázquez, Carlos Aymerich e Francisco Jorquera, portavoces nacional, do grupo parlamentar no Parlamento Galego e da representación nacionalista no Parlamento do Estado, respectivamente.
"Por moito que apresente o decreto case tomando as uvas, o único fin que persegue é potenciar o castelán frente o galego"“O BNG está a levar a iniciativa política, con perfil propio, condicionando a axenda e os demáis grupos políticos e sempre ao servizo dos intereses de Galiza e das maiorías sociais”, afirmou o portavoz nacional. “Facémolo dende o que somos, dende o nacionalismo e dende a esquerda”, salientou.
A IMPULSOS DO BNG
“Modestamente, debo dicir que foi grazas ao BNG que se ten aberto un debate tan importante para o noso País como o que deu lugar á aprobación da Lei de Caixas e tamén ten sido grazas ao BNG que se teñen debatido alternativas concretas á procura dunha saída á grave crise económica que sofremos”, recapitulou. As alternativas do BNG contrastan coa evidencia de que “nen o Goberno Feijóo nen o Goberno Zapatero teñen unha estratexia solvente frente á crise”, como se ten posto de manifesto “nos orzamentos 2010 quer do Goberno galego quer do Goberno do Estado”. “Inciden”, criticou, “en receitas xa fracasadas”. “Son antisociais e inútiles para o obxectivo de a economía remontar a crise económica”, esclareceu.
Francisco Jorquera, Guillerme Vázquez e Carlos Aymerich, en rolda de imprensa
Aymerich: "En 1983 o PSOE tamén apresentou un recurso contra a Lei de Normalización Lingüística. Apartir de aí comezou a perder apoios"Na rolda de perguntas as e os xornalistas interesáronse basicamente por dous temas: o decreto Feijóo sobre o galego e a posición do PSdeG a respecto das caixas.
“Deben os pais seren consultados a efectos de decidir en que lingua deben aprender a ler e escreber os nenos galegos?”, interpelouse dende a sala de imprensa. “Ben, o currículo escolar quen o debe marcar son os poderes públicos. Iso é normal nunha democracia. A ninguén se lle ocorrería defender que os pais puidesen decidir se se dan ou non aulas de matemáticas ou se se imparte a doutrina do criacionismo no canto das teses de Darwin”, reflexionou Carlos Aymerich, quen tamén acusou o PP de “rachar o consenso” que fixara o Plano de Normalización Lingüística de 2004.
Jorquera: "Ou temos unha grande caixa galega ou unha sucursal de Cajamadrid e outra de La Caixa"RACHAR O CONSENSO
“Rachar o consenso non vai traer nada bon nen para o galego nen para o ensino. Os problemas do ensino non están no galego. Están máis ben en que se incrementa o financiamento da escola privada, mentres se reduce o da pública”, alegou.
Sobre esta cuestión, o portavoz nacional abundou nas críticas.
“Este decreto vaise aprobar case en fin de ano, tomando as uvas, pero por moito que se faga así, todo o mundo vai ver que o único que se persegue é potenciar o castelán frente ao galego”, dixo Guillerme Vázquez.
Analisou que se parte dunha “tese falsa” (o mito da imposición do galego) para chegar a unha “solución falsa”. “Nen 30 de Decembro nen trilingüismo nen tetralingüismo. Aquí o que se pretende é favorecer o castelán. Dito isto, rectificar é de sabios. O señor Feijóo debe dar marcha atrás”, razonou. “Se non o fai, vai bater coa resistencia de miles de cidadáns deste País”, engadiu.
SUCURSAL GALEGA DO PSOE
No que di respeito da hipótese de o PSOE apresentar un recurso contra a Lei de Caixas galega, o portavoz nacional dixo: “O PSdeG estase a comportar como unha sucursal do PSOE, hoxe máis que nunca. Tería graza que agora tivese como norte ir contra as leis do Parlamento Galego”.
Aymerich rememorou que en 1983 o PSOE, daquela tamén no Goberno do Estado, impulsara un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Normalización Lingüística. “Se van agora na mesma liña, vaticino que o PSdeG verá sensibelmente reducido o apoio social que ten en Galiza”.
Por súa parte, Francisco Jorquera dirixiu as súas críticas á xestión do Goberno Zapatero en materia financeira pola súa clara aposta pola bancarización das caixas de aforro.
“A crise foi produto da falta de control público do sistema financeiro e das teorías da desregularización. Sería paradoxal que agora quen acabasen pagando o pato fosen precisamente as caixas, que son as entidades máis pegadas ao territorio e á economía produtiva e aquelas que teñen unha maior tutela pública”, analisou.
“OU UNHA GRANDE CAIXA GALEGA OU UNHA SUCURSAL DE CAJAMADRID E OUTRA DE LA CAIXA”
“Ou temos unha grande caixa galega ou temos aquí unha sucursal de Cajamadrid e outra de La Caixa”, resumiu, non sen antes advertir sobre a Lei de Caixas que deseña o Goberno Zapatero. “Polo que sabemos, será aínda máis invasiva das competencias autonómicas e irá claramente na liña de ir bancarizando as caixas para que abandonen a súa función social e se comporten exactamente igual que os bancos”.

